«Alas», de Belén Rodríguez

ANTONIO PIÑEIRO

BARBANZA

06 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Recordo, dalgunha biografía ou dalgún monográfico do período impresionista, aquela estampa do artista montando, tensando e imprimando os seus propios lenzos, envorcando o pigmento no morteiro para moelo, mesturando aceites de noz, de liñaza e o po coa espátula, meticulosa, pacientemente, no transcurso das tardes e da luz fuxidía que andaba a procurar. Algún deles deixounos a lección de que todo pode ser aproveitable para o cadro, o mesmo que todas esas facetas son elos da creación. Contábame pola súa banda Eugenia, a directora da galería, que Belén Rodríguez segue niso, na vella usanza da arte que agroma dende a propia montaxe do bastidor e a preparación dos recursos polo propio artista. Decateime de que queda un recendo de horas tardegas, de rugosidades, de materia tratada, nestas obras da colección Alas. Coma se as andoriñas voasen no ceo crebado dun lenzo feito á man, no ar dun pergameo, e o seu voo adquirise xeitos de andel e eternidade que só o tratamento integral da obra de arte pode dar.

Meticulosidade estética

Aí a primeira percepción, ao acceder á sala de exposicións do Faiado. De seguido, a riqueza dunha obra á que se lle nota a meticulosidade estética, unha cousa entre xeometría e cor, nunca rematadas de explorar de vez, no curso da arte, mais sen renunciar á figura, á natureza, ao corpo. Paxaros, bolboretas, avións de papel (xeometría e elegancia xuntas nun dos conceptos máis acaídos a esa simbiose, e idealizados no xogo de nenos que é tamén alegoría de liberdade), plumas, seres e obxectos representados que ocupan o mesmo espazo ca as formas xeométricas, que en realidade trazan ou describen outras formas xeométricas, coma acudindo a aquela primeira lección cezaniana: todo, na natureza e para o artista, se pode inscribir no cono, o cilindro ou a esfera.

A metáfora das andoriñas (Familia) pareceume fermosísima, con ese aspecto de bosquexo, de estudo nun caderno de apuntes ao Leonardo, entre a forma e o movemento. Tamén as colaxes de tinta e papel, o Impresión II, delicadamente magnífico, e de gran potencia poética, que a mesma Belén incentiva coas pseudocaligrafías incluídas noutro dos da serie (Maruxiña dáme un bico), ao modo de estrofas sacadas doutro bloc de apuntamentos, para levalas ao cadro.

Evocando intres senlleiros da arte, a colección Alas, de Belén Rodríguez, adquire unha forte singularidade e conectividade. Esas reminiscencias, Kandinsky, por exemplo (As bases do coñecemento), quedan coma nunha homenaxe que ao mesmo tempo é un xogo coas linguaxes ocultas, íntimas ou espirituais que o propio autor explicaba. O punto e a liña sobre o plano, os matéricos aproveitando a materia dos refugallos, os cubistas cos anacos das follas do xornal, ou a belida imaxe de Alas: sacar o pegamento do tubo, para pegar na tea unha bolboreta.

«Familia», metáfora das andoriñas, é fermosísima FOTo M. CREO