Xosé Poldras e Alicia López recalan en Ribeira coas súas carpetas solidarias

La Voz

BARBANZA

A metade da recadación irá destinada a Médicos Sen Fronteiras

16 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Mañá • Centro cultural Lustres Rivas (Ribeira) • 20.30 horas • Luva negra é o título do proxecto que mañá será presentado en Ribeira. Trátase dunha iniciativa artística de carácter solidario, pois parte da recadación que se consiga coa venda das obras irá destinada a Médicos Sen Fronteiras. A proposta chega á cidade da man da asociación Barbantia.

As obras que se poñerán á venda están compostas por cinco poemas de Alicia López e catro gravados de Xosé Poldras, que están recollidos nunha carpeta. O prezo de cada unha destas pezas está fixado en 100 euros. A metade desta contía será entregada á organización humanitaria para que poida seguir traballando na actual crise de refuxiados. Médicos Sen Fronteiras proporciona asistencia sanitaria e psicolóxica, ao tempo que distribúe artigos de primeira necesidade en diversos países como Turquía, Grecia, Italia, Francia, Serbia e Eslovenia.

En canto aos autores da obra, os dous están avalados por unha longa traxectoria. Xosé Poldras leva exercendo como gravador desde 1989 e as súas obras foron exhibidas tanto en España coma no estranxeiro. Pola súa banda, Alicia López publicou diferentes novelas e relatos en Alemaña, en edición de coleccionista, e tamén é a autora do poemario As fadas mortas.