«A finais deste mes teremos retirada ou vendida toda a madeira queimada»

Javier Romero Doniz
JAVIER ROMERO RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO< / span>

A situación das parroquias afectadas polos lumes do verán xera un debate no que Medio Rural non se agacha e opina

12 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha única realidade e dúas formas antagónicas de interpretala. Trátase da situación que atravesan as zonas queimadas polos lumes do pasado mes de agosto, que arrasaron varios milleiros de hectáreas de chan sonense. Agora, sete meses despois, o máximo responsable do Distrito Forestal IV, que abrangue os concellos das comarcas de Barbanza e Noia, Odón López, aporta a súa versión do traballo feito nos montes para corrixir o dano causado.

-Sete meses despois dos grandes lumes do verán, ¿como valora a situación na que se atopan os montes?

-Foi un verán intenso na comarca, pero soamente 9 lumes dos 166 que atendemos no 2016 superaron as 20 hectáreas, cunhas condicións meteorolóxicas que foron moi adversas. Os montes veciñais deste distrito forestal saíron en xeral ben parados, pero os afectados polo gran incendio de Porto do Son sufriron perdas case totais. Aí é onde estamos concentrando os esforzos para que haxa futuro para eles, con investimentos que superan o millón de euros.

-E o terreo no que traballa o distrito, ¿recupérase ben?

-A recuperación do terreo é a esperable dentro da forte regresión que provoca un incendio. A ausencia de precipitacións torrenciais nos primeiros meses despois dos lumes evitou que se producira unha erosión importante, dando tempo á vexetación a recuperarse o suficiente como para paliar o efecto das choivas de novembro e posteriores, e á Consellería a actuar con helimulching e outras técnicas nas zonas máis castigadas. Aínda así, o dano é moi importante, sobre todo nos terreos que teñen lumes repetidos, e o solo tardará séculos en recuperarse aínda que o vexamos verde o ano que vén.

-¿Que fan coa madeira afectada polos lumes?

-A Consellería de Medio Rural ten convenio con todos os montes veciñais afectados por este gran incendio, polo que somos os xestores dos mesmos e temos que comercializar a madeira. A que ten valor comercial está vendida en poxa pública. A máis cativa estámola extraendo para vendela en cargadoiro e obter un mellor prezo. Gustaríame destacar que a Lei de Montes de Galicia obriga a reinvestir o 100% dos cartos obtidos pola madeira queimada de novo no territorio.

-Entón, polo que fala, a madeira ten saída, algo que choca co comentado nalgunhas comunidades afectadas.

-Todos os lotes de madeira desta zona foron vendidos a prezos que mesmo superaron os 30 euros por metro cúbico. Queda por ver que é o que obtemos pola madeira de menor dimensión, pero somos optimistas.

-Á hora de comezar a cortar a madeira, ¿déuselle prioridade á dos particulares ou á das comunidades de montes?

-Hai que entender que a Consellería de Medio Rural non vende a madeira dos particulares, soamente dá a autorización para cortala. Este permiso concedémolo nun máximo de 15 días na meirande parte dos casos, e de 45 naqueles que intervén outra Administración.

-E o sector, ¿ten demanda?

-Si, sen dúbida hai demanda de madeira, aínda que os prezos que se pagan non son os que todos desexaríamos.

-Á hora de vendela, ¿existen alternativas a ENCE para comercializar a madeira en Galicia?

-ENCE consume exclusivamente eucalipto e inflúe notablemente nos prezos desta especie. Quen hoxe plante eucalipto ten que preguntarse a quen llo vai vender no futuro, e saber que non todos os tipos desta especie poden usarse para pasta de papel. A madeira de piñeiro ten usos moi diversos e vai a un mercado máis variado.

-¿Queda moita madeira queimada por retirar nos montes?

-A finais deste mes teremos retirada ou vendida toda a madeira queimada dos montes que xestionamos. Entre os particulares hai quen xa o fixo e quen aínda está niso.

-O tren de borrascas tamén arrancou numerosos troncos, ¿retíranse igualmente ou teñen prioridade os queimados?

-As borrascas deste ano non foron nada excepcional no tocante ás árbores arrincadas polo vento. Salvo en casos illados de montes moi expostos, non consideramos que se produciran danos que requiran a nosa intervención.