Cadaval cumpre o sono de representar a Valle en galego

La Voz

BARBANZA

XOAN A. SOLER

As entradas para a estrea de Santiago xa están á venda

01 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Venres, sábado e domingo • Teatro Principal (Santiago) • 20.30 horas • O venres, o pano do Teatro Principal de Santiago abrirase para Quico Cadaval e os seus compañeiros de Produccións Excéntricas. Por vez primeira, unha compañía profesional levará á escena unha obra de Valle-Inclán en galego: A cabeza do dragón. «Era unha peza pouco representada e que tiña o reparto ideal. Unha obra onde se mestura o modernismo almibarado e o esperpento», explicou o director na presentación.

O espectáculo, que conta cunha banda sonora orixinal a cargo do Taller Atlántico Contemporáneo, dirixido polo boirense Diego Rodríguez, estará en carteleira ata o domingo, para regresar ao Teatro Principal os días 9, 10 e 11 de marzo. As entradas xa están á venta. Sobre as táboas situaranse María Costas, Víctor Mosqueira, Iván Marcos, Patricia Vázquez, Josito Porto, Yelena Molina, Marcos Orsi e Quico Cadaval. A compañía iniciará despois unha xira por diversos puntos de Galicia e Portugal.