Nin subimos, nin baixamos

BARBANZA

28 feb 2017 . Actualizado a las 22:11 h.

O Goberno autonómico vén de facer estes días unha exhibición de libro do que é o prototipo de galego, do tópico galego, claro; dese galego que nin sube nin baixa, que nin arre nin xo, que depende. Porque resulta que agora as oposicións do profesorado que se anunciaron para este ano no pasado mes de decembro -e que hai escasas semanas se concretaron coa publicación das especialidades ás que ía abrirse a convocatoria- igual non se celebran. Están supeditadas, parece ser, a que se aproben os orzamentos do Estado.

Ata aí, todo correcto. Pero, ao mesmo tempo que o presidente da Xunta anunciaba isto e instaba a outros partidos a desbloquear a situación política, o seu propio executivo dicía que se mantén o plan previsto con respecto ás oposicións. Ou sexa, nin arre, nin xo. E mentres tanto, hai centos de persoas que levan meses fincando os cóbados nas bibliotecas, pagando relixiosamente as cotas das academias para prepararse, quitándolle tempo á familia e aos amigos para estudar...

Centos de persoas que, efectivamente, non saben se soben ou se baixan. E non o saben, entre outras razóns, porque despois de días escoltando uns rumores que se resistían a crer sobre a posibilidade de que finalmente non houbera oposicións, agora atópanse con que algo diso había, pero non saben moi ben a que aterse porque o xefe do Executivo di unha cousa e a Consellería de Educación, a contraria.

Nisto ca cousa política, cada quen xoga as súas cartas como mellor lle convén, e isto parécese moito a un instrumento de presión máis. Ou non, igual son eu moi mal pensada. Pero se efectivamente é necesario que o proxecto económico do Goberno central inclúa a creación deses postos de traballo, ¿por que se anunciou a convocatoria desas oposicións sen ter a seguridade de que ían poder convocarse? ¿Por que outras comunidades seguen adiante cos seus plans?

O peor de todo é que en toda esta lea se está a obviar por completo aos principais afectados. A esas persoas que levan moitos meses, milleiros de horas, coa vista pegada nos temarios. Moitos que, posiblemente, pasaron polo trago de ver como todo o seu esforzo ía pola borda cando o ano pasado non lograron sacar esa oposición na que tantas esperanzas tiñan postas e que, case sen tempo para laiarse do seu tropezo, volveron sentar diante dos apuntes para probar sorte de novo sen imaxinar que quizais non teñan a oportunidade de facelo.

Tanto ten de quen sexa a culpa da incerteza na que se ven obrigados a vivir os aspirantes a un posto de traballo entre o profesorado deste país a poucos meses da probable data para os exames, se é que os hai. O que si sei é que é inxusto.