Vulgaridade do entroido

Juan ordóñez buela DESDE FUERA

BARBANZA

25 feb 2017 . Actualizado a las 11:15 h.

D e sempre sóubose que as celebracións de entroido son e representan o polo oposto á seriedade e á formalidade, pero de aí a que a xente teña que esperar máis dunha hora a que a cabalgata choqueira se digne a aparecer ao lonxe hai un treito. O entroido, con dignas excepcións, sempre foi a festa do despropósito, do chulesco desplante da esmorga e, en máis ocasións das desexables, da charramangada, por non falarlles das excentricidades que algunhas persoas frecuentan en tales festexos. Un non se ten por antigo nin por frade, pero si por galego e amante da súa terra, e hai desfiles que, se destacan por algo, é polas papables mostras de mal gusto que, lonxe de facer graza, producen rexeitamento.

 

Comprendo que a extravagancia propia destas datas, unida aos efectos etílicos, pode provocar resultados pouco alentadores, pero entendo que os promotores, xa que organizan, deben tentar que a chabacanería non se converta na estrela da celebración. Particularmente, non me asusto, como penso que non o fai ningún adulto maduro, das bromas referentes ao sexo. Agora digo, con franqueza, probe, escaso e torpe enxeño demostra posuír aquel que ten que recorrer a unha empinada goma espuma para conseguir unha gargallada. Haberá que coidar certos detalles por simple estética, por elemental elegancia. Non facelo é toda unha vulgaridade que penso que hai que rexeitar.

Ortega y Gasset discrepaba da idea xeralmente admitida sobre a orixe do entroido. Para el, segundo o mito helénico, Dionisos chega de Naipelo desde Oriente nun navío sen mariñeiros nin piloto. Na festa, este navío coa figura do deus, era transportado por rúas e campos nun carro, no medio do xentío embriagado e delirante. Para este autor, este carrus navalis é a orixe da palabra carnaval, festa na que nos poñemos máscaras para que a nosa persoa, o noso eu, desapareza. Atopámonos así ante a gran festa de xogar os homes a descoñecérense entre si, un pouco fartos de coñecérense xa demasiado. Permite que o home descanse un momento de si mesmo.