Artista temperá e investigadora

La Voz

BARBANZA

24 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Compaxina a súa actividade creativa coa docencia e imparte talleres de arte para nenos e adultos, así como para persoas con esclerose múltiple, en Vigo.

Lucía Romaní (Ribeira 1981) é unha artista temperá. Xa de nena sentía curiosidade polas formas, as cores e os materiais: por todo aquilo susceptible de ser manipulado. Iso levouna á pintura e ao traballo manual, emocional e intelectual, a través das Belas Artes. Nesa vivencia como busca e aprendizaxe experimentou nas diversas disciplinas (escultura, pintura, fotografía, ou gravado). Tivo logo a necesidade de afondar nalgunhas cuestións que vinculaban a arte coa sociedade/política e comezou a súa carreira investigadora.

Realizou o Programa de Doutoramento Modos de Coñecemento na Práctica Artística Contemporánea na Facultade de Belas Artes de Pontevedra que rematou cunha tese sobre as prácticas artísticas vinculadas ao espazo social e público no contexto galego (2012). E nisto continúa, na investigación e no estudo, pero tamén, máis que nunca, na praxe cotiá. Nos últimos anos compaxina a súa actividade artística coa docencia.

Recentemente impartiu clases de Escultura na Facultade de Belas Artes de Pontevedra e, habitualmente, imparte talleres de arte a nenos e adultos no Espazo de Creación Artística Zoográfico, en Vigo. Paralelamente coordina un taller de pintura dirixido a persoas con esclerose múltiple na asociación Avempo en Vigo, o que lle dá pé para reflexionar sobre outros modos de percibir a realidade e de traballar coas mans, dende a integración da diferenza, como un plus de riqueza que non atopa noutros espazos máis institucionais ou académicos. Esta experiencia lémbralle unha anterior, na asociación Ambar, en Ribeira, na que entrou en contacto por primeira vez con persoas con diversidade funcional, persoas non atadas a normas á hora de utilizar ferramentas e materiais, coma o lapis ou a cor. Persoas moito máis libres e expresivas ca moitos de nós nalgúns aspectos.

Nestes outros procesos nos que converxen ópticas novas, nos que a dimensión terapéutica da arte se fai máis palpable, é onde está a investigar na actualidade. Un proceso que derivou na súa inmersión na Terapia Gestalt, unha formación integral e humanista de autocoñecemento e desenvolvemento do potencial humano.