Pantasmadas

José Rodríguez Cabeza DESDE FÓRA

BARBANZA

21 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Atribúese a Jeán le Rond d’Alembert, matemático e filósofo francés, integrante do movemento ilustrado do século XVIII, esta frase: «A guerra é a arte de destruír homes, a política é a arte de enganalos». Unha das manifestacións deses enganos políticos está neste relato.

A Pobra, como consecuencia do que se coñece como o milagre económico español entre 1959 e 1973, acochaba a unha alta poboación flotante nos veráns, predominantemente de clase media madrileña, asiduos visitantes que perduraron ata a década dos 90. Naqueles tempos, e aínda agora, os establecementos de hospedaxe eran escasos, pero había -e hai- gran oferta de vivendas amobladas, froito dos grandes soldos dos mariñeiros da mercante, que suplían aquela escaseza, e así foi como comezou o turismo na ría de Arousa, espallándose por toda a bisbarra. En todo caso nada que ver co sur de Pontevedra a pesares da entrada en escena da nosa custosa e ineficaz mancomunidade.

A semana pasada saltou á prensa unha asociación, con sede en Sanxenxo, protestando contra o Decreto da Xunta 12/2017 que extermina este tipo de arrendamentos alegando, entre outras cuestións, que atenta contra o dereito de propiedade, mentres que o goberno galego alega unha posible competencia desleal. Esta é unha pantasmada máis de Feijoo, xa que con esta medida tamén está prexudicando seriamente a bares, restaurantes, mercados... porque as clases medias non poden vacacionar, e cada vez menos, en hoteis, campings e semellantes, amparando grandes intereses espurios avalados por poderosos políticos con miopía supina ou algo peor.