Son melódico, son ruidoso

Carlos F. Coto

BARBANZA

19 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A Paula é a campá máis grande da catedral de Mondoñedo, unha das tres do Estado que aínda funcionan manualmente, sen dispositivos electrónicos. Valentín, o campaneiro, vive cada día con paixón o seu oficio e os mindonienses téñenlle moito aprecio. Agora incluso imparte cursos de campaneiro para os que hai lista de espera. O son da Paula non entende de horarios, toca cando toca avisar, tamén cando Valentín quere transmitir emocións ao seu pobo, incluso de madrugada. Forma parte inseparable dos sentidos da cidade, tamén do ambiente.

Aínda non foi declarada patrimonio inmaterial como outras valencianas, pero tacitamente si que o é. Non tiveron tanta sorte varias campás catalás que, por sentenza, non poden soar polas noites por seren consideradas contaminación acústica. Defensores do patrimonio recorren agora á Unión Europea para anular a decisión xudicial.

Aínda que non o saibamos expresar, todos sabemos distinguir entre o son e o ruído, malia que este vén sendo unha variedade do outro. É cuestión de educación sonora, de educación en xeral e de tolerancia que todos poidamos vivir e convivir con sons e con ruídos.

Claro que coa modernidade e coas novas modas xorden ruídos que non son estritamente sons, polo menos agradables ao oído. Hai músicas que se adaptan ao oído humano, pero tamén hai outras nas que as súas estridencias producen molestias para boa parte das persoas. Para o que intenta conciliar o sono calquera ruído, por baixo que sexa, parece incrementado, pero os que están dentro do ambiente permanecen illados do resto do mundo, o volume da música failles elevar o seu ton de voz nunha conxunción progresiva que sobe os decibelios.

Ben é certo que, ao contrario doutras comunidades, aquí non hai costume de poñer dobre porta entre o interior dos establecementos e o espazo público, incomunicando ambos espazos, pero tamén agora moita clientela permanece no exterior bebendo ?e facendo barullo- ata altas horas.

Os locais de hostalería, polo xeral, tampouco están suficientemente illados respecto do resto do edificio polo alto custo que representa no total das obras. Moitas variables difíciles de combinar, pero non imposibles.

Temos que aprender a convivir coa tolerancia, pero tamén co respecto polos que queren descansar. En todo caso, deixádeme tranquilas as campás. Son tradición e patrimonio do lugar, so é cuestión de afacerse á súa música.