«Kiwikoalas»

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

10 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

outro día a famosa serie de televisión Cuéntame alcanzou os kiwis, para o meu espanto. Cuéntame é como un monstro que vai devorando a túa memoria.

Estou convencido que en poucas tempadas máis comezarán a adiantarnos e a anticiparnos como será, por exemplo, o xuízo por impeachment de Barron, o fillo pequeno de Trump, presidente dos USA pola graza de Facebook, ou a vendima na Ribeira Sacra con drones.

Os kiwis deberon chegar á Pobra do Caramiñal no ano 82 ou 83, e eu lembro ao tendeiro Marcelo -ao que miña nai chamaba Marchelo imitando a voz de Anita Ekberg na Fontana de Trevi- pregoando marabillas dos kiwis como «todo en un» nutricional.

Pouco tempo despois os kiwis xa pasaron a ser «quibes» e vendíanse no Nazareno canda as tradicionais rosquillas ou cachuchas. Kiwis, caquis, mirabeis, eucaliptos, velutinas: a ver quen di que o país noso non é hospitalario. Os climas temperados integran todo.

Agora a Xunta quere erradicar os mapaches (mapaches!) que chegan ata o río Tambre e eu lembrei esa lenda urbana duns activistas que nos 80 pensaron en traer koalas e guindalos nos eucaliptais, na confianza de que a Xunta declarase oficialmente o eucalipto como especie protexida e ter así unha excelente garantía da súa desaparición.

Non sei que foi deles. Do que non me cabe dúbida é de que, se chegaran a facelo, hoxe moitas casas coidarían dun tranquilo koala na horta, canda o can, o gato e mailas galiñas. Malo para a natureza, pero fantástico para os nosos perfís de Instagram, que son os que contan.