Emigrantes
e parados

José Rodríguez Cabeza DESDE FÓRA

BARBANZA

07 feb 2017 . Actualizado a las 11:47 h.

Convivimos con dúas realidades: a ficticia, que é a que máis practican os nosos gobernantes, e a auténtica, que é a que máis nos afecta á cidadanía que pagamos uns impostos que non garanten o futuro do ensino, da sanidade nin das pensións, sen ter en conta os cartos que rematan nos petos dos desalmados. Por exemplo, nos derradeiros tempos os concellos desta bisbarra enchéronnos de fermosas rúas de granito, ceibes de contaminacións e humanizadas, pero polas que pasearán 17.826 persoas menos que tiveron que emigrar como xa pasara na pasada década dos sesenta. Nunha realidade semellante están os 8.394 parados cos que rematou 2016.

Vexamos outro exemplo. Botamos man do Google Earth e facemos unha viaxe virtual aérea pola península barbancesa. Aínda quedan moitas e fermosas aldeas, como as boirenses de Comoxo e Mieites ás que non lle arranxan os cortes eléctricos, e a paisaxe amósanos unha terra chea de fertilidade, verdes vales, cascadas de auga e algúns montes non queimados, pero esta é outra realidade ficticia xa que entrando no visor do catastro de rústica topámonos con que a meirande parte dos terreos de cultivo están esnaquizados e baleiros.

¿Poderían tantas leiras baleiras mitigar esta tráxica sangría de emigrantes e parados? Teño algunhas respostas intuitivas, pero o agro galego precisa dun profundo e sisudo estudo. Coido que nos esperan tempos nos que o despoboamento urbano será máis intenso que o rural e administrar iso require de máis imaxinación que empedrar rúas. En España xa temos un partido liberal, Cidadáns. ¡Que dure!.