«O obxectivo da aplicación é integrar á serra na oferta turística da comarca»

antón parada RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

SANDRA ALONSO

O carballés lidera un equipo investigador que participa na elaboración dunha app arqueolóxica da serra do Barbanza

05 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende a Universidade de Santiago de Compostela (USC), o Grupo de Estudos Prehistoria do Noroeste (GEPN) desenvolve un proxecto de investigación que ten como obxecto de estudo a ocupación humana no pasado da serra do Barbanza. Carlos Rodríguez Rellán (Cabana de Bergantiños, 1980) integra o grupo dende hai 15 anos. Ademais, este doutor en Historia pola USC está á fronte da coordinación para a elaboración dunha aplicación dixital destinada a smarthphones, que servirá para xeolocalizar os diversos descubrimentos arqueolóxicos da comarca e incluso programar rutas.

-A modo de resumo, ¿en que consistirá esta app?

-Trátase dunha aplicación para dispositivos móbiles de balde. A través dunha serie de rutas pola serra do Barbanza, o usuario atoparase con diversos xacementos arqueolóxicos. Tanto túmulos megalíticos como estruturas que foron identificadas ao longo dos últimos anos. Á chegada ao xacemento en cuestión, poderá obter unha serie de información básica (nome, cronoloxía...), así como a documentación máis completa. Será algo modesto, que ninguén espere algo quitado da NASA, xa que os recursos económicos dos que dispoñemos son bastantes limitados.

-¿Que recollerá a documentación paralela a ese ficheiro base?

-En primeiro lugar, a natureza do xacemento, pois se é un túmulo explicarase que é tiña unha función funeraria, se é unha choza a súa función doméstica ou agraria. A maiores, se conta con datación por carbono 14 aportarase unha cronoloxía máis exacta. No caso de xacementos xa escavados, relatarase as pezas atopadas neles. Nalgúns exemplos máis significativos, irá acompañado de fotografías.

-¿Por que esta separación?

-Estamos limitados polo peso da aplicación, non queremos que ocupe moito espazo para que a poidan empregar persoas con terminais menos modernos. Á súa vez contará cunha serie de ligazón ao centro de interpretación e ao GEPN. Así os usuarios poderán descargar da súa casa dende un folleto informativo a artigos publicados en revistas de divulgación científica, tanto nacionais como internacionais. Entre elas, Factor Impacto, Trabajos de Prehistoria do CSIC ou Journal of Archaeological Science.

-¿A que perfil se dirixen?

-A idea é cubrir todo o elenco de posibles usuarios, dende a persoa que só quere dar un paseo cunha pequena información do que está a ver, ata aos máis apaixonados da arqueoloxía ou da historia da súa comarca. O deseño da aplicación está pensado para uns 1.200 usuarios, que calculamos mediante a media de visitas que posúe a web do centro de arqueoloxía en Neixón.

-Pero esta app ofrece algo máis que rutas arqueolóxicas, ¿como definiría o seu fin último?

-O obxectivo da aplicación é integrar á serra na oferta turística da comarca. Trátase de que a xente deixe o coche e se integre coa paisaxe e historia desta zona. Que vaian máis alá da Curota, que fagan rutas a pé ou en bicicleta. Por outro lado, tamén está dirixida a que se poidan explotar os recursos da zona de forma ordenada e sostible, tanto a medioambiental que xa existe no sector gandeiro e madeireiro, como a patrimonial, que nos atinxe ao noso grupo.

-¿En que proxecto se integra o desenvolvemento desta app?

-Basicamente, intégrase no proxecto denominado Ocupación de la zonas altas del noroeste peninsular a lo largo de la historia: la sierra del Barbanza (A Coruña). Esta parte dunha solicitude do GEPN, realizada polo seu investigador principal Ramón Fábregas Valcarcel, no marco dunha concorrencia competitiva dun plan do Ministerio de Economía. Terá unha duración de tres anos, ata o 2018, e conta con dúas vertentes: a primordial da investigación e unha secundaria de dinamización onde se inclúe a app.

-Fáleme desa investigación principal, ¿cal é o seu obxecto?

-No pasado, existía unha certa visión por parte dos investigadores que os levaba a pensar que a serra do Barbanza estivo practicamente desocupada ao longo da historia. O feito de que os únicos xacementos visibles eran os túmulos daba a entendemento de que esta era unha zona funeraria ritual ou simbólica. Ata que haberá cerca de catro anos o persoal do centro de interpretación, co arqueólogo Víctor Barbeito á cabeza, atopou unha serie de estruturas descoñecidas que apuntaban a que a serra era un lugar ocupado sistematicamente. Na actualidade, as escavacións sacaron á luz máis de medio centenar de chozas. Os traballos que estamos a realizar baséanse en estudar algunhas delas para determinar a súa natureza e cronoloxía.

-¿Que organismos ou entidades impulsan esta iniciativa?

-Fundamentalmente, o financiamento responde ao Ministerio de Economía y Competitividad. A institución directora é a USC de man do GEPN e do doutor Fábregas. Tamén contamos coa colaboración das universidades de Vigo, Oviedo ou internacionais como a de Nantes e a Estatal de Arizona. Así como da Escola de Restauración de Pontevedra e das propias entidades locais, como o centro de interpretación, o Concello de Boiro e as comunidades de montes.

-¿Quen se encarga da programación e deseño do software?

-Esta aplicación está desenvolta por unha empresa galega, Avas Soluciones Tecnológicas.

-¿En que fase se atopa a app? ¿Cando a veremos rematada?

-Atópase na fase media final do seu desenvolvemento. Non o sabemos seguro, pero esperamos que estea lista antes do verán.

-¿Estará dispoñible tanto para sistemas Android como iOS?

-Si, a idea é que saian nesas dúas plataformas ao mesmo tempo. Ademais, poderase descargar tamén de páxinas web como as: dos Concellos implicados ou interesados -como Boiro ou A Pobra e Porto do Son-, do Centro de Interpretación Arqueolóxica do Barbanza, da USC e do propio espazo do GEPN.

-¿A aplicación terá continuidade e mantemento no futuro?

-Si, por unha duración de tres anos. Mais esperamos que as entidades locais aposten polo seu desenvolvemento no futuro.