Impregnada dos substratos da arte desde nena

La Voz

BARBANZA

27 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Rosana é gravadora. Tutelada desde máis de vinte anos atrás pola súa tenacidade; tenacidade que, guiada polo corazón, xera oficio.

Rosana é pintora. Sinuosas luces; relatos microscópicos en ritmos de danza enaltecen a brillante policromía da súa obra.

Rosana Calvo, natural de Boa-Noia, pequena aldea lindante co municipio de Porto do Son, mariñeira espertadora de soños aletargados da súa infancia; olorosa dun mar que expande ata límites insospeitados; zahorí de espertares entre rochas e areas, casas repletas de humildade e soidades de vida.

Formada na Facultade de Económicas, non consegue esta arrebatarlle os substratos da arte (poesía, pintura, música, etc.) impregnados dende nena en todo o seu ser. Será o gravado calcográfico o encargado de facer eclosionar os brotes durmidos dunha afección que, lentamente, botará raíces de paixón.

Rosana cruzou o limiar, albiscou universos feiticeiros e penetrantes crepúsculos para camiñar en paralelo a unha sociedade que se marxina a si mesma. Camiños agradecidos que premian a elixida e venturosa ruta facéndoa merecedora do Atlante, do eloxio.

Mostras da súa obra

Minuciosa; impulsiva en acaparar para si os coñecementos das técnicas artísticas, forxándoas en armas de expresión, peóns do seu sentir. Leva a súa obra mostrándoa por diferentes lugares de Galicia e península, así como fóra dela, sen abelorios, orfa da presentación insubstancial. Oufana das súas tintas cromáticas, do granulado esparexido, da fenda que devolve con creces fermosas estampas, pagamento ao traballo senlleiro do gravador.

Rosana non é unha artista vocacional, é a vocación quen a adoptou como filla, esa vocación que rastrea sen desmaiar, incansablemente, por lugares e aldeas, pobos e metrópoles, barriadas e suburbios, á procura desas pezas perdidas que compoñen un puzle, un todo que seguirá existindo pese á ignorancia.

Espertouna a arte; cativouna o gravado e, prisioneira de ambos, devén narradora do segredo íntimo dos seus carcereiros. Ensina. Abre portas. Crea soños de cor. Outorga ilusión. Rosana Calvo é ela, como podes ser ti: unha fermosa adopción agochada debaixo do soño.