Desestacionalizar o turismo

BARBANZA

24 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A semana pasada celebrouse en Madrid a gran feira do sector turístico, e alí a comarca de Barbanza estivo moi representada. Todos os alcaldes acudiron á cita na capital do Estado para «vender» as excelencias da bisbarra, os encantos naturais, gastronómicos e culturais cos que contan os municipios da zona. Á presenza habitual da mancomunidade Arousa Norte, sumouse desta volta a participación do xeodestino Ría de Muros-Noia, unha gran nova porque sinala un camiño de unidade dos concellos que a forman para consolidarse como destinos turísticos.

Na feira, presentáronse as liñas mestras da promoción dos once municipios, mantivéronse contactos profesionais para abrir mercados e mostráronse vídeos, uns traballos audiovisuais impecables, con imaxes preciosas, que evidencian o mellor da costa barbancesa: praias enormes e augas cristalinas e un sol radiante... Todo estupendo, quizais demasiado, e non porque mintan ou esaxeren a realidade, claro que aquí temos areais espectaculares e escenarios naturais con vistas impresionantes, senón por que mirándoos dá a sensación de que a alguén se lle foi un pouco a man cos filtros de Instagram para mostrar unha imaxe idealizada, moi propia, certo é, dos tempos que corren. Pero moi pouco diferenciada doutros destinos turísticos. E por iso hai moita xente que bota en falta neses vídeos algo máis, algo do que é xenuíno de cada un dos nosos pobos, que non é pouca cousa.

Quizais, seguramente, porque para iso hai profesionais á fronte das estratexias de turismo, se optou por esa fórmula porque é o que realmente funciona, porque é o que vende. E, á fin e ao cabo, é diso do que se trata, de que aos visitantes en potencia lles entre a comarca polos ollos e acaben por achegarse a este pequeno recuncho do mundo. Sen embargo, a imaxe que transmiten non acaba de encaixar de todo coa mensaxe de que é preciso desestacionalizar o turismo. É evidente que Barbanza vive cara o mar e obviar iso sería un erro, pero o mar ten moitas vertentes máis alá do turismo de praia, e iso non se ve neses bonitos vídeos. E se do que se trata é de que a xente visite a zona tamén no inverno, haberá que ofrecerlle algo máis que areais infinitos, solpores de ceos despexados e vistas magníficas desde as alturas.

O pasado 2016 foi un ano de récord en canto a visitantes, un fenómeno ao que a bisbarra non foi allea, e un dos retos para que o turismo siga a gañar peso na economía comarcal é conseguir «vender» os moitos recursos que atesoura máis alá dos seus areais e portos deportivos. Esa é a lección que temos moi aprendida na teoría, pero, de momento, parece que a práctica nos vai quedar para setembro.