O azul

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

20 ene 2017 . Actualizado a las 22:24 h.

Lembro moi ben a trampa que facía a Igrexa para recadar máis diñeiro durante a campaña do Domund. Os nenos saían á rúa con huchas con forma de cara de asiático ou de africano, e as señoras e señores deitaban inocentemente billetes para remediar a fame e as doenzas das xentiñas do Terceiro Mundo.

Cando me decatei de que, tras esa linguaxe ambigua que empregaban os curas, en realidade o Domund estaba destinado a recadar fondos para as actividades de proselitismo e propaganda da Igrexa Católica, fiquei pampo.

Coas bandeiras azuis pasou o mesmo. A asociación que as concedía -unha entidade privada, non oficial nin pública- beneficiouse durante moito tempo cobrando altas taxas polo uso destas bandeiriñas nas praias galegas.

A cor azul desta bandeira e o seu suposto carácter internacional e institucional levaba a moita xente a pensar que isto das bandeiras era un asunto vinculado á Unión Europea. Os últimos conflitos valeron para que todo o mundo se dera conta de que non había tal nexo.

É sintomático o desleixo de moitos alcaldes da comarca polas bandeiras azuis; de algunha maneira xa saben que o turismo e os prescriptores cambiaron, e que a xente, agora, se fía máis doutras fontes, como as redes sociais, á hora de tomar decisións turísticas.

A bandeira azul está en retroceso, en toda Galicia, como dos actores tradicionais de prescrición turística. Non será o último supervivente da industria tradicional do turismo en caer. Pero tampouco lle negaremos o mérito: grazas en parte a estas bandeiras as nosas praias prosperaron no seus servizos.