«O visón americano existiu dende os anos noventa en Barbanza»

A. Parada / A. Novo

BARBANZA

cedida

Participou nun plan de control de especies invasoras no que se capturaron once destes animais en Corrubedo

18 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Recentemente, o parque natural de Corrubedo foi o escenario dun plan de control de especies invasoras, que parte dun realizado no conxunto do parque nacional Illas Atlánticas dende o ano 2007. O doutor en bioloxía Rafael Romero é un dos expertos que participaron neste proxecto de corte medioambiental e científico -así como en anteriores ocasións en Sálvora-, que se saldou coa captura e traslado de once exemplares de visóns americanos. O ourensán abordou a situación actual neste territorio da comarca.

-¿É posible determinar a poboación do visón americano en Corrubedo?

-É complicado porque os datos que temos son de capturas. Habería que realizar unha estimación a partir dese cifra. Sen embargo, sabemos que a densidade é similar á que se encontra noutros sitios costeiros parecidos nos ríos de España e de Europa continental.

-Entón, ¿a súa presenza é normal neste tipo de zona?

-Normal non o é, no sentido de que se trata dunha especie invasora. O visón americano existiu dende os anos noventa en Barbanza. A nivel de Galicia poderíamos remontarnos nalgúns casos a 30 ou 50 anos atrás.

-¿Cales son os motivos da súa proliferación na comarca?

-Non sabemos se hai un aumento ou unha redución. Sabemos que nun momento dado apareceron pola presenza de granxas destes animais. Debido ao seu funcionamento diario ?nos cambios de gaiolas? producíanse fugas. Grupos animalistas tamén puideron influír na súa proliferación mediante soltas. Unha vez que chegaban ao medio, eses visóns reproducíanse e pasaban de non existir a conformar unha poboación que en tres anos alcanzaba a súa densidade máxima.

-¿Como inflúe a existencia desta especie noutras en Sálvora?

-O principal problema é que as aves mariñas nidifican no chan. Non teñen defensa contra un predador como o visón, que se alimenta de especies terrestres e acuáticas como roedores, reptís ou anfibios. As súas poboacións víronse gravemente afectadas e iso puidémolo comprobar no parque nacional das Illas Atlánticas. Nas Cíes houbo moitas baixas de corvos mariños e gaivotas, ao igual que en Sálvora. Isto foi o que motivou o punto de partida deste traballo.

-¿Cal é a situación actual na illa?

-Non podemos dicir que non existe visón americano en Sálvora. A presenza dun exemplar ou dous podería pasar desapercibida. Ademais, en calquera momento poden cruzar dende a costa ata a illa. Mais podemos dicir que temos a especie controlada.

-¿O feito de que exista en Corrubedo fai perigar a Sálvora?

-Exactamente. Esa foi a razón principal pola que se acometeu este plan. A de tentar reducir as probabilidades de que se trasladasen da costa á illa.

-¿En que consistiron esas actuacións realizadas en Ribeira?

-Primeiro fixemos un estudo de presenza do animal para determinar onde era máis numerosa e por onde se desprazaba. Despois procedemos á instalación de trampas para a súa captura e fixemos un seguimento.

-¿Cal é o balance final?

-Aínda se atopou algunha sinal de presenza. Pero logramos reducir o seu número e seguimos vixiando que non retornen.