«Son as xornadas con máis peso de Galicia»

M. Gómez / A. Novo

BARBANZA

SIMÓN BALVÍS

O responsable do centro de Neixón defende o alto nivel do Encontro Arqueolóxico que se celebrará os días 25 e 26 de febreiro

18 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Con motivo da presentación do programa do Encontro Arqueolóxico de Barbanza, que acada a súa undécima edición, o responsable do centro de Neixón e da organización das xornadas, Víctor Barbeito, pasou polos micrófonos de Radio Voz para debullar o contido dunha cita coa historia e coa arqueoloxía que está máis que consolidada.

-¿Como xurdiu esta iniciativa que vai xa pola súa undécima edición?

-Arrancou no 2007, a raíz do contacto coa xente que visitaba o centro arqueolóxico que era coñecedora das intervencións e das investigacións que se tiñan levado a cabo no Barbanza, pero, cando intentabas afondar un pouco sobre que sabían do que se atopara e que resultado deran esas investigacións, practicamente descoñecían todo. Entón xurdiu a posibilidade de facer unha especie de xornadas de divulgación e traer aos arqueólogos e investigadores que tiñan traballado no Barbanza nos últimos corenta e cincuenta anos e que dunha maneira moi didáctica presentaran o que tiñan feito e os resultados que acadaran. A verdade é que naquel primeiro ano tivo unha gran acollida e unha gran resposta por parte da poboación e foi o que nos incentivou a seguir nesa liña.

-¿Hai algunha novidade substancial este ano?

-Realmente o noticiable das xornadas é que se celebren un ano máis, porque no contido non hai nada específico dende hai tempo, non son xornadas temáticas, senón que unha das súas características é que se tratan moitísimos temas, desde a evolución humana ata o século XX. Os ámbitos que acolle a arqueoloxía e a historia son amplísimos e cada ano xorden temas novos, que por un lado son novidades a nivel de investigación, de traballos recentes, e por outro son temas de gran transcendencia, que aínda que non sexan de hai dous ou tres anos, si teñen un gran peso a nivel historiográfico.

-¿Que supón para o centro conseguir organizar este encontro durante once edicións?

-A verdade é que é todo un logro, todo un éxito, porque non é nada fácil. Só hai dúas actividades que levan máis edicións que nós, promovidas polos concellos de Mondoñedo e Marín, non obstante, non teñen a transcendencia e que temos nós. Estas son as xornadas arqueolóxicas con maior peso de Galicia, pola maior asistencia de público e pola cantidade de relatores. Permítenos ademais que o centro arqueolóxico transcenda, se coñeza e teña peso. E é de agradecer que á xente lle guste e teña a posibilidade de contar con primeiros espadas, non é fácil poder chegar a xente con tanto nivel e prestixio coma os relatores que acoden a Boiro.

-¿É un público especializado o que acode ás xornadas?

-O publico é moi variopinto, desde xente con inquietude á que lle gusta o mundo da arqueoloxía e a historia e que non ten ningún tipo de formación específica, ata arqueólogos e estudantes, profesores... É un público moi variado porque tamén se pretende que as xornadas non sexan un congreso, non sexan algo moi específico para un público especializado, porque non é o labor tampouco do centro nin do Concello.