Luar na Lubre celebra o trixésimo aniversario con Ismael Serrano como convidado

La Voz

BARBANZA

Ana García

A banda ofrecerá un concerto no auditorio Abanca de Santiago o día 28

17 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

28 de xaneiro • Auditorio Abanca (Santiago) • 21.00 horas • 18 euros • Cumprir tres décadas ben merece unha gran celebración, e parece que a histórica banda de folk Luar na Lubre está de acordo con esa afirmación porque está a preparar un concerto en Santiago que promete non deixar indiferente a ninguén. A actuación servirá para presentar o último disco da banda, un cedé recompilatorio de celebración titulado XXX Aniversario, e contará con convidados de excepción coma o cantautor Ismael Serrano.

Tamén os acompañará nese concerto a coral Ruada, que, igual que Serrano, colaborou no disco nunha versión do tema Fonte do Araño, de Emilio Cao. Esta canción é unha das sorpresas que agocha o novo traballo discográfico de Luar na Lubre, no que tamén se inclúen versións actualizadas de composicións históricas da banda como O soldado desgraciado ou Dun tempo para sempre. A clásica irlandesa Morrison’s jig tamén figura no dobre cedé de aniversario coa colaboración do acordeonista galego Víctor Iglesias.

Todas estas cancións e moitas máis poderanse escoitar no auditorio Abanca de Santiago o vindeiro día 28.