Paco, o cura que caeu do burro en Aguiño

Unai González BUZÓN DEL LECTOR

BARBANZA

24 ene 2017 . Actualizado a las 22:37 h.

Dicía Don Paco, nunha entrevista co tamén finado García Bayón, que a el co galego, recén chegado a Aguiño, pasoulle como a San Paulo, só que non caeu dun cabalo, senón dun burro. Esta metáfora sarcástica viña a explicar que el era un sacerdote ao uso dos tempos nos que vivía, 1959, misando en castelán e vestindo sotana ata que cruzou a pontella do río Listres e viu como naquela nova parroquia do Carme, segregada de San Paio de Carreira o 9 de maio do mesmo ano, a xente empregaba o idioma do País para todo, e polo tanto, entendeu que a mellor forma de construír unha nova comunidade parroquial era a de falarlle aos seus fregueses na súa lingua, o galego.

Paco medrara na Coruña tras quedar orfo de pai sendo un neno no Son; os anos no seminario en Compostela, a súa estancia en Salamanca e Roma onde se licenciou en teoloxía e o seu ordenamento sacerdotal confirmárono nunha igrexa afastada da sociedade civil. O Vaticano II e os aires renovadores do Papa Xoán XXIII deron impulso ás inquedanzas que medraban no seu ser trala súa chegada a Aguiño uns anos antes e, sen querelo fíxose protagonista, xunto a outros, do nacemento da Igrexa Galega. Contaba Chao Rego que virou vermello en 1968, nos Coloquios Europeos de Parroquias, cando un curiña mariñeiro se ergueu e falou en galego diante de todos os presentes, así Chao decatouse de que a Igrexa Galega non só tiña que achegarse ao pobo coa liturxia senón tamén empregando o seu maior valor, a lingua propia. Despois disto xa viñeron as Romaxes, Irimia, Encrucillada e un cento de iniciativas semellantes na Coruña, Ferrolterra, Castiñeiriño ou Vigo.

Pero Paco, sábeno todos os que tiveron a sorte de tratalo, non só loitou e predicou co seu exemplo respecto da galeguidade, do amor pola terra, a cultura, a historia ou a lingua propias; tamén defendeu os intereses dos obreiros, reivindicou dereitos para a xente do mar, implicouse na construción do tecido social e económico de Aguiño, coa edificación da lonxa, a fábrica do xeo, a confraría, o campo de fútbol, a casa da cultura, o grupo escolar ademais da propia reitoral ou a igrexa de Aguiño onde cun garabullo escribiu en galego no cemento fresco para que o seu amigo o cardeal Quiroga Palacios, o día da inauguración en 1967, non lle berrara por erguer un templo «comunista», sen esquecer que mandou gravar e pintar o escudo e a bandeira de Galicia no alto do campanario.

«¿Don Francisco, es usted un cura comunista?», preguntáronlle nunha entrevista. «Se ser comunista é amar aos demais e reclamar o que lles é de xustiza, apoiar aos máis desfavorecidos e solidarizarse cos débiles, entón Cristo tamén foi un comunista, e eu, como vostede sabe, son ante todo cristián». Unha resposta retranqueira propia de quen sempre me recibía na porta cun «Que queres agora, Unai?» para despois engadir, «non quedes aí, pasa e senta xunto ao lume que temos moito que poñer a andar». Deste xeito transcorreu a miña historia de vida xunto a Don Francisco, defensor dos pobres, amante da palabra e o entendemento, loitador por calquera causa que trouxera o ben aos demais. Hoxe creo en Deus porque o tiven a el de ensinante, e tras trece anos da súa marcha terreal aínda haberá quen diga que xa non paga a pena lembralo e que o deixemos descansar en paz, como se en paz puidera estar co panorama de hoxe en día, quen sempre, dende o respecto, dou a guerra pola xustiza.