«Temos que beber dese paraugas que é Compostela, o Camiño e a traslatio»

Antón Parada RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

O responsable fala das iniciativas de promoción turística e da necesidade de explorar outras vías de cooperación

16 ene 2017 . Actualizado a las 21:49 h.

«Vainos mellor traballando de forma colectiva

que facendo batallas por libre»

«Temos o proxecto de crear unha senda pola costa entre Ribeira e Rianxo que enlace ata Padrón»

Dende hai uns días, o rexedor de Rianxo, Adolfo Muíños (Santiago, 1966), é o presidente da Mancomunidade Arousa Norte, collendo a testemuña do seu homólogo ribeirense, Manuel Ruiz. O responsable fala dos recursos que ten a bisbarra e dos proxectos en materia turística.

-Nos últimos anos, a mancomunidade viviu un proceso de transformación positivo, ¿cales cre que son as razóns do reforzo?

-Parte da transformación foi obrigada, sobre todo no que é o ámbito competencial da entidade, motivada pola famosa Lei de Modernización Estatal, coñecida como lei Montoro. Requiriu centrar os esforzos na área que foi a primixenia, a promoción turística conxunta da comarca. Pero de ese mesmo diagnóstico xurdiu tamén o feito de que os alcaldes impulsaran inicialmente a creación da mancomunidade no pasado. Temos que seguir nesta idea. Vainos mellor traballando de forma colectiva que facendo batallas por libre. Por exemplo, os recursos turísticos son un fol sen fondo, vanse metendo partidas e, salvo algunhas excepcións, non soe render a inversión realizada.

-¿Cal é a análise que extrae da situación do sector turístico nos catro concellos?

-O mundo da promoción turística está considerado como un dos máis competitivos que existen. Entendeuse que por parte dos concellos era necesario ir da man, porque tiñamos unha serie de problemas conxuntos, pero tamén de oportunidades e potencialidades comúns. Todos constatamos temos un entorno privilexiado, un patrimonio e riqueza cultural excepcional, así como uns recursos paisaxísticos e turísticos equiparables aos de calquera outra zona das Rías Baixas, pero vimos que deste lado está menos potenciado.

-¿Podería expoñer as liñas actuais de traballo que iniciaron?

-Hai unha estratexia principal que tenta continuarse dende a anterior xerencia, acudir ás fam trips, viaxes de familiarización. Tamén asistimos a feiras turísticas internacionais como á parisina de La Rochelle e a Xapón, a próxima parada será Fitur, en Madrid. Agora temos en mente: Expo Ourense, Valladolid ou Barcelona. Mais non só iso. Temos que beber dese paraugas que é Compostela, o Camiño e a traslatio.

-Alude á ruta náutica do Camiño, ¿cal é a súa importancia?

-Para nós Santiago debe ser o referente galego e estatal a explotar, pois dos recursos españois, a nivel internacional, destacan os touros dos San Fermíns, a Sagrada Familia de Barcelona, o turismo de sol e praia andaluz e a Catedral. Lembremos que o Camiño non existiría de non ter nacido a lenda do traslado do corpo do apóstolo polo río Ulla. E a iso habería que sumarlle a particularidade do turismo náutico recreativo da nosa zona, que conta coa ría con maior número de días navegables de toda Galicia.

-Tras experiencias como os Vermús Musicais, ¿cal é o peso da gastronomía en Arousa Norte?

-Cada vez estamos vendo máis como a gastronomía se está movendo a nivel divulgativo, televisivo, formativo e de viaxes. A xente estase a desprazar para comer e temos moitas posibilidades de explotalo, pero para iso temos que saber a onde e como acudir.

-¿Percibe que agora hai unha maior estratexia e estudio do destino dos fondos da mancomunidade?

-Como moitas cousas do sector público, é difícil ver os beneficios inmediatos dun investimento, ás veces cuantioso. No eido turístico, posicionarse como destino nunha cita ou feira esixe moito traballo continuado -non só das Administracións públicas, tamén da propia hostalería- e implica cartos para traer a operadores turísticos e blogueiros deste sector, pagar campañas de publicidade en prensa e revistas especializadas ou visitar as fair trips.

-¿Cales son as fortalezas cas que conta a unión de concellos?

-Contamos cun privilexio de serra e mar. todo unido e nada masificado. Dentro do turismo máis galego temos figuras da cultura realmente potentes: Castelao, Valle-Inclán ou Dieste. Nese sentido, tamén dispoñemos de xacementos arqueolóxicos importantes e de parques naturais como Sálvora, ou Corrubedo.

-¿Detectaron algún incremento do turismo na pasada tempada?

-Creo que aínda é cedo para ver os resultados do traballo da nova xerencia. Ás veces as dinámicas non son tan locais, pois este foi un bo ano para o turismo galego, tal e como o reflectiron as estatísticas, e a comarca non foi allea a este avance. O traballo que estamos a realizar require espazo no tempo. Tamén falta esperar polo efecto chamada, xa que se somos concellos saneados e dispoñemos de recursos abertos, boa sinalización, programacións culturais e posibilidades no eido deportivo e náutico a xente virá.

-¿Hai algún proxecto novo?

-A creación dunha rede de sendeiros na zona, homologada pola federación de montañismo, que xa está en fase de documentación. Temos o proxecto de crear unha senda pola costa entre Ribeira e Rianxo que enlace ata Padrón. Así, os visitantes poden desembarcar en cada náutico e seguir o Camiño para conseguir a compostela. Tamén queremos potenciar determinadas probas deportivas, como o Circuíto de Carreiras Arousa Norte, pois tras participar nelas, a xente valoraba máis a contorna. Por outro lado, pretendemos impulsar a profesionalización do sector hostaleiro e a iniciativa privada hoteleira.

-¿Existe algún ámbito novo que lles gustaría tocar?

-Ante a tónica actual de fusión de concellos, penso que sería interesante explorar estratexias de cooperación conxuntas compartindo servizos que quizais non teñan sentido que sexan só locais, como a proposición de crear unha canceira comarcal en Ribeira con sacrifico cero, contribuíndo entre as catro partes.

-A entidade está a regalarnos gratas escenas de consenso entre os alcaldes, ¿que extrae disto?

-Sempre houbo vontade de consenso. É máis, nalgún momento teremos que falar de abrir canles de participación á cidadanía e aos demais grupos políticos que non ocupen a alcaldía. Este non pode ser só un órgano de alcaldes, todas as achegas son necesarias.