A cidade do mañá

Carlos F. Coto DENDE FÓRA

BARBANZA

12 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O título do obradoiro que comezou en Rianxo e que se desenvolverá en distintas cidades e vilas, cun dobre obxectivo versa sobre a cidade do mañá. Por unha banda, búscase aprender aos máis mozos a apreciar o espazo urbano e o patrimonio, a afianzarse na tradición para evitar no futuro cometer as aberracións que se fixeron -e que se cometen-, destruíndo as casas antigas para construír un novo escenario, moitas veces sen identidade.

A outra vertente do proxecto, tomando como base A Cidade dos Nenos do investigador e pedagogo italiano Francesco Tonucci, traballa cara a unha nova filosofía de goberno das cidades e vilas, tomando aos nenos como parámetro e como garantía das necesidades dos cidadáns, cara a un novo urbanismo menos pensado no que podo construír nesta leira e máis orientado a espazos para as persoas, para o diálogo e a relación.

Nun momento no que moitos apostan -erradamente, na miña opinión- polas cidades intelixentes (smart city), outro modelo é posible: cidades para persoas intelixentes. Mentres unha corrente aposta pola tecnoloxía como elemento xestor das cidades, a outra aposta polos espazos para as persoas, que non significa volver ao pasado, senón unha reflexión na que as cidades deben ser humanas, favorecendo a relación entre os cidadáns, afastándoos do modelo do automóbil. Como ben di David Harvey «estamos construíndo cidades para investir, non para vivir», unha espiral perigosa que favorece un modo de vida con estrés, causa das peores enfermidades do século.

Actualmente xa temos exemplos de localidades consideradas como bos lugares para vivir.