As outras ribeiras

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

06 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

xeito no que construímos o sentido dos lugares hoxe en día lévanos moitas veces a pensar que son únicos. Parece que as cousas só teñen valor se son únicas ou pioneiras ou primeiras. É o caso da Ribeira Sacra e a súa singular concentración de mosteiros e igrexas entre o Miño e o Sil. A realidade é que toda Galicia é unha ribeira sacra, só que en moitos sitios aqueles pequenos cenobios altomedievais ficaron abandonados. Na actual Ribeira Sacra simplemente tiveron máis sorte, perviviron e se engrandeceron.

Pero os canóns dos nosos pequenos regatos e ríos comarcais gardan a testemuña do mesmo fenómeno que cristalizou aló por Lugo e Ourense. Lugares remotos, tan fermosos como difíciles para a vida. O canón do río Pedras na Pobra garda a Misarela pero tamén, augas arriba, a Casa do Conde e a Corte do Santo. Cando se fundou Toxosoutos en Lousame xa eran vellos os espazos sacros do río Tambre, o mosteiro de Corenza, a capela de San Gregorio e pode que un terceiro onda a central.

En Boiro os vikingos queimaron outro que aínda non sabemos ubicar e o outro día, grazas a Arufe e a meu irmán,

vin o máis novo da lista. En Baroña, no canón do rego de Santomé, están os restos dun vello lugar santo de orixe medieval -sabémolo por un impoñente sartego de pedra que foi sacado de alí hai décadas-. Comunicareillo esta semana ao Concello e a Patrimonio, xa que parece non estar aínda protexido. O pasado do Barbanza segue a medrar con outra pequena ribeira sacra. En 2017!