Perlas sen ostra

Carlos F. Coto DESDE FÓRA

BARBANZA

05 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

hórreo de Carnota perdeu parte do seu tellado, probablemente por non ter un mantemento acorde á súa idade e consonte a dignidade que representa, porque é o máis famoso de todos, tamén é o terceiro máis longo de Galicia.

Si se aplicara a lei do solo vixente, a administración competente tería que ditar unha orde de execución ao seu propietario -o Arcebispado- para a súa reparación inmediata, e de non se cumprir, a propia administración tería que executar as obras de restauración e pasarlle a factura ao seu propietario. Como si se tratara dun dono máis. Pero, no caso de Carnota, ao se tratar dun ben de interese cultural relevante, a implicación de todos eles debería ser moito máis rápida, e non telo sen tellado durante meses. Non pensedes que é -como moitos pensan- polos turistas, pola nefasta imaxe que damos ofrecendo a visita a un monumento que está en estado ruinoso, senón por nós. O patrimonio é necesario telo en condicións para os galegos, por orgullo, por presumir do que temos.

Acabo de chegar de Asturias de tomar as medidas e fotografías á paneira máis grande do Principado, que acabo de incluír na miña lista das graneiras de máis de vinte metros, pero polo de agora é a única. Na comarca de Barbanza, Noia e Muros temos seis das trinta máis grandes do mundo, tres en Rianxo -onde está a máis longa-, unha en Noia e dúas en Carnota -a segunda e terceira máis longas-. Podemos presumir de ter grandes perlas, un patrimonio sen igual noutra rexión peninsular. Por nós, pola nosa dignidade e por orgullo, témolas que ter na mellor das condicións.