No remate do ano

Juan Ordóñez Buela AO FINAL DO TÚNEL

BARBANZA

31 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Entre os agoreiros catastrofistas disfrazados de expertos económicos, os pesimistas crónicos e os fatalistas globais que recordan que unha profecía do calendario maia asegura que a fin do mundo chegará no 2025, non diría eu que este 2017 que xa o temos aquí vaia entrar con moi bo pé. De momento, todos os que me felicitaron o ano o fixeron máis ou menos con estas palabras: «Feliz 2017... dentro do que cabe».

Seguramente peco de inxenuo, pero co permiso da maldita economía e dos partidarios dun futuro máis negro que o carbón, confío en que o ano que xa temos á volta da esquina será tan malo como calquera outro. Non me tocou a lotería, nin bebín máis da conta, pero cruzo e penso que todo irá ben e que, digan o que digan os cenizos economistas, a realidade llelo desmentirá unha vez máis.

¡Hoxe teño un día optimista, que caramba! Así que, instalado na euforia do Nadal, deséxolle a todo o mundo un feliz 2017, sen engadidos nin abelorios. Que o ano lles vaia moi ben, e a vivir que, á fin e ao cabo, diso se trata.

Para os que, polo motivo que sexa, lle teñan medo ao 2017, ocórreseme unha pequena trampa: que se adhiran ao calendario etíope, que leva sete anos de retraso respecto o noso. O 11 de setembro celebraron no país africano a entrada do ano novo e o seguinte quédalles aínda a sete anos vista.

Se queren que o truco da desconexión sexa máis eficaz, regálense unha viaxe, a Etiopía por exemplo, un marabilloso país poboado de xente encantadora, do que estou seguro que volverán cunha nova visión da vida, sen tanto catastrofismo polo medio ao final de ano, xa que para o 2025 ou morrerá a burra ou quen a arrea.