Laura Pego e Inés Parada: «Fai falla interesar máis á poboación nas actividades culturais que se ofertan»

A. Gerpe / A. Novo

BARBANZA

gerpe

As novas responsables da asociación comentaron en Radio Voz os proxectos para o 2017

30 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende hai uns meses, a entidade Altofalante de Ribeira ten nova directiva, encabezada por Laura Pego Cruxeiras, que é a presidenta. Ela, acompañada da secretaria, Inés Parada, acudiron ao estudio de Radio Voz Barbanza para falar, no espazo conducido por Alejandra Novo, da visita do Apalpador, que terá lugar hoxe, da entrega do premio que anualmente concede a asociación e dos proxectos de futuro.

Programaron para hoxe a visita do Apalpador, ¿que valores consideran que transmite?

Laura Pego [L.?P.] Son elementos propios da cultura que se van perdendo e que consideramos necesario recuperar. Por exemplo, eu de pequena nunca escoitei falar do Apalpador, senón de Papá Noel. Souben do Apalpador hai uns anos grazas ao traballo de entidades como Altofalante, que nos ensina o que representa. Vexo adecuado revitalizar a súa figura porque nos mostra outros valores. Agora parece que os rapaces unicamente son felices no Nadal se teñen o último modelo de consola, pero hai que darlle valor a outras cousas.

Ao mesmo tempo entregan o premio Altofalante, que este ano recae no Ateneo Valle-Inclán. ¿Cal foi o motivo da elección?

[L.?P.] A asociación premia o traballo de entidades e persoas que promoven a cultura no Barbanza. O feito de darllo ao Ateneo débese a que coopera con moitas entidades e, desde logo, con Altofalante. Entregarémosllo hoxe despois do percorrido do Apalpador. É posible que llo dea el mesmo.

¿Como se escollen os premiados, hai unha lista de candidatos?

[L.?P.] Este ano tiñámolo moi claro, pero o que se acostuma facer é analizar na asociación distintas propostas.

¿Que balance facedes das actividades deste ano?

[L.?P.] Eu estou bastante satisfeita con actividades como a da campaña realizada con motivo do Día Internacional contra a Violencia Sexista.

Inés Parada [I.?P.] A nosa entidade tamén ten unha perspectiva de xénero e consideramos que nunha xornada tan importante como a do 25-N tiñamos que aportar o noso gran de area. Colaboramos con Mulleres en Acción e coa entidade da Memoria Histórica e, dado que as integrantes de Altofalante estamos un pouco espalladas por España, decidimos facer algo nas redes sociais. Puxemos referencias literarias, cinematográficas e musicais, escribimos textos e tivemos unha gran participación por parte da xente.

¿Consideran que a bisbarra conta cunha oferta diversa de actividades culturais?

[I.?P.] Considero que hai bastante oferta de actividades porque hai entidades e locais que fomentan a cultura e a expresión artística. Sen embargo, parece que non acaba de interesar ao público en xeral. Fai falla interesar máis á poboación nas actividades culturais que se ofertan.

¿Cal é o estado de saúde no que se atopa Altofalante?

[L.?P.] Somos unhas vinte persoas, a maioría de Ribeira.

[I.?P.] Na directiva hai xente moza, pero gustaríame que houbera máis. Aproveito os micrófonos de Radio Voz para facer un chamamento e animar á xente para que se sume.

¿Cales son as actividades que teñen previstas para o ano que está a piques de comezar?

[L.?P.] Queremos facer un acto con motivo do Día das Letras Galegas no que se conxuguen un concerto con recital de música e teatro. No Día Internacional da Muller Traballadora tamén queremos ter presenza, así como no San Xoán e o 25 de xullo. Ao mesmo tempo está a Muiñada de Amendo, que é unha das iniciativas destacadas da entidade. A nosa intención é contribuír a dinamizar a actividade cultural.

[I.?P.] Hoxe en día as redes sociais son moi importantes e estamos pensando en facer un concurso para levar a cabo en Instagram. A verdade é que iniciativas non nos faltan.