Un autonomista convencido que cultivou todos os xéneros literarios

X. MARTÍNS

BARBANZA

ABRALDES

Recuperar a memoria. No 50 aniversario da morte do ensaísta

16 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Un amigo madrileño, con vivenda n’A Pobra do Caramiñal dende hai anos, pregunta quen foi o García Martí que ten praza e busto na vila, e que fixo ese home. Boa pregunta neste ano 2016, no que ninguén lembrou que hai cincuenta anos que faleceu, digo eu.

-Quen foi? Pois foi un xornalista, un pensador e escritor que cultivou todos os xéneros literarios, agás a poesía, máis de cincuenta libros e folletos.

-Pero, foi importante? Creo que si. Pero, como se mide iso? Foi correspondente da Real Academia Española, académico de honra da Galega e académico numerario da de Xurisprudencia, secretario do Ateneo de Madrid, biógrafo de Rosalía de Castro, de formación francesa como sociólogo, estudoso de Cervantes, dramaturgo e novelista, amigo de Ortega y Gasset, Unamuno e Valle-Inclán. Un intelectual da Idade de Prata da cultura española.

-Interesante, di pero, como era como pensador? Pois un humanista cristián, liberal, demócrata e republicano. Cría máis na intuición de Bergson e no sentimento ca no racionalismo estrito.

-E os seus valores? A paz era o fundamental para el, e non hai paz sen xustiza, sen democracia, sen violencia. A paz era para el paz con xustiza, guerra permanente contra o inxusto.

-Era, pois, un filósofo? Non. Non era un filósofo creador, orixinal, pero si un pensador, un intelectual que cría que debía intervir para crear, anovar, liberar. Un social-liberal de raíz cristiá, para quen o mundo interior, o espazo da liberdade e da creación humanas eran esenciais.

-Cal foi, nese terreo, a súa obra capital? Foron varias, pero quizais destaquen Del mundo interior (1911), Del vivir heroico (1915) e De la felicidad (1924), sen esquecer La muerte (1936), que a considera, xunto coa dor, consubstanciais á vida.

 

 

 

-E como ensaísta? Eu diría que destacou con Rosalía de Castro o el dolor de vivir (1944) e Don Quijote y su mejor camino (1947).

 

 

-Foi bo novelista? Non era fácil destacar na época de Baroja, Unamuno ou Valle-Inclán, nin a narrativa foi o xénero que máis cultivou, pero publicou unha boa novela lírica, Don Severo Carballo (1917), un precedente do Arredor de si de Otero Pedrayo, novela de personaxe e de formación, con boas estampas da súa vila natal.

 

 

-E no teatro? Pois comezou como dramaturgo en 1905, ao estrear Fidelidad, pero as súas mellores obras pertencen ao teatro de ideas, para ler: La tragedia de todos (1927) e La voz de los mitos (1941).

 

 

 

-E Galicia? A súa Galicia é emocional, bucólica, algo pasiva, espiritual, pero que ten o seu complemento en Portugal, que compensa o noso panteísmo coa acción, os dous países na procura dos límites, Galicia cara a dentro e Portugal no exterior. Non era nacionalista pero si anticentralista, por iso asinou o famoso Pacto de Barrantes. Galicia debería, para el, conservar as súas diferenzas, pero dentro de España. Aínda así, na República foi autonomista convencido.

-Tivo importancia nos estudos rosalianos? Na súa época, como editor das obras completas da poeta, nos anos corenta, edición que manexaron miles de lectores. Non era un filólogo, pero fixo o que a Universidade e Galicia non fixeran.

?Como viviu a II República? Como un liberal reformista e republicano, que o levou en 1939 ao cárcere e a un papel secundario na posguerra. Despois do cárcere, refuxiado n’A Pobra, viviu lonxe xa dun papel protagonista, no clima abafante do franquismo.

-É autor ben coñecido? Eu penso que non, aínda que o labor de Ramón Sánchez Rodríguez, o seu estudoso, axuda a iso. O concello d’A Pobra reeditou Don Severo Carballo en 1991, pero non é fácil para os lectores chegar ás súas obras.

 

-Tamén foi xornalista? Foino, si, e bastante famoso na preguerra, en El Liberal, co pseudónimo El Duque de Él, e varios dos seus artigos poden lerse en Caracteres de la vida social y mundana, pero tamén escribiu sobre a política do seu tempo en La emoción del momento (1929) e Entre dos extremismos (1934).

 

 

 

 

-Non é curioso que se interesase, ao mesmo tempo, por Rosalía e Cervantes? Non, é natural; considera que son as figuras máis representativas da cultura galega e española. O seu libro sobre Cervantes, publicado nos anos do cuarto centenario do nacemento do autor do Quixote, é un bo ensaio; non unha obra erudita, pero si unha interesante reflexión sobre varios aspectos da novela cervantina.

-Tratou cos intelectuais galeguistas? Tratou, si. Castelao fíxolle unha capa para a súa primeira novela; pero tamén foi amigo de Otero Pedrayo, de Carlos Maside -que fixo outra portada para el-, de Blanco-Amor, e doutros moitos.

-E A Pobra, aparece na súa obra? Aparece, sobre todo en Don Severo Carballo, unha novela ambientada nesa vila, na que, quizais, o protagonista amose o carácter do seu pai. Pero A Pobra tamén está presente en moitos dos seus artigos. Nesta vila viviu súa nai, á que estivo sempre unido. Era Fillo Predilecto d’A Pobra, aínda que sexa mágoa que a súa casa fose destruída case totalmente para un aparcadoiro.

 

-Non está mal -di o meu amigo.

-Si, é un autor de intereses variados, pois que tamén foi memorialista, historiador do Ateneo de Madrid, xurista, sociólogo e autor de contos. E conferenciante moi apreciado en Madrid e en Galicia.

ILUSTRACIÓN ABRALDES