Eses vultos no territorio

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

09 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Ao igual que lles teño convidado a que botaran un ollo á súa vila ou aldea coas fotos do voo americano do 1956, voulles recomendar outro exercicio. A través dos visores cartográficos da Xunta (mapas.xunta.es/visores/basico) poden escoller a opción «sombreado». Cando funciona (os servidores da Xunta teñen tendencia a irse de vacacións, coma os humanos, os días festivos), vostedes poderán acceder a un modelo dixital do terreo básico, a partir de datos LIDAR. Será como se Deus aplicara unha desbrozadora xigante ao noso territorio e quitara toda a vexetación.

E o que veremos relativiza a nosa importancia e presenza neste mundo. Veredes, por exemplo, que os castros son aínda as estruturas «públicas» máis voluminosas construídas polo home aquí (moito máis que os polideportivos municipais). E outra cousa máis abraiante: os campos de mámoas, as necrópoles prehistóricas, de cinco mil anos de antigüidade, que inzan o noso territorio. Están sobre todo nas encrucilladas, nas dorsais montañosas ou de outeiros, no paso entre vales. Distínguese porque son montiños cun furado no medio. Estas necrópoles lémbrannos que os nosos devanceiros coñecían á perfección a terra e construíron sobre ela cunha gramática monumental.

Penso iso cando vexo o drama con que se vive por algúns en Mazaricos a descuberta dunha necrópole no polígono industrial. Algo que debera ser celebrado soa como un inconvinte. Eu creo que a postura debera ser outra: menos mal que temos outra oportunidade para poder conciliar tradición e progreso.