Viaxe de ida e volta ao ceo do Son

Javier Romero Doniz
JAVIER ROMERO RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

O acto de Barbantia estivo cargado de simbolismo e complicidade entre os recoñecidos e o público

04 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Da man de Barbantia é aconsellable deixarse levar. Incluso «romper», tal e como invocaba onte un dos premiados de Noia na gala anual na que esta asociación cultural outorga os seus galardóns. Por iso, tendo que relatar, e resumir, como foi o acto de entrega dos Sereos 2016, un chega a conclusión de que unha forma de trasladar as sensacións de proximidade e empatía que se viviron pode pasar por sinalar como protagonista a unha voz que non falou, pero si cantou.

Trátase de Sara Boo, a rapaza que, entre outras pezas, fixo tararear a un auditorio case cheo o refrán dun clásico moitas veces versionado: «Knock-knock-knockin’ on heaven’s door», que traducido á lingua patria quere dicir «golpeando as portas do ceo». Onte, no auditorio de Porto do Son, e a medida que a música de Dylan soaba, un, se miraba o ceo, vía precisamente iso, o ceo, pero interpretado polo prisma colorista do tamén noiés Alfonso Costa, que firma a pintura que cobre toda a cúpula.

Abaixo, nas butacas, e rodeados de amigos e veciños, estaban os novos Sereos. Maxi Olariaga foi, atendendo aos galóns, o primeiro en falar. Subiu ao escenario tranquilo por fóra e nervioso por dentro. Cortés, na súa liña, saudou, deu agradecementos, e sacou unhas notas cargadas da súa mellor prosa. Quen coñece minimamente a Maxi sabe do seu amor pola liberdade e a xustiza nun mundo cada vez máis aliñado e sen case espazo á improvisación. Tivo tempo tamén de recordar o seu querido Pepe Agrelo, e fixo un agradecemento tan sentido coma sincero: «Estou sorprendido por esta inesperada transformación de home a Sereo, eu que pensaba máis en acabar coma un percebe de Sálvora».

De agradecementos, para os que aínda están e os que se quedaron polo camiño, tamén estivo cheo o discurso de Félix González, máximo responsable do Museo do Mar de Noia, entidade premiada. El, coma sempre que se fala do museo para o que traballou e traballa tanto, fixo público o seu desexo e estímulo para mellorar aínda máis: «Seguiremos loitando ata que o novo Museo do Mar de Noia sexa unha realidade».

Fácil de encaixar

O de Quico Cadaval, tamén premiado cun Sereo, supuxo un punto e aparte. El, transgresor, aparentemente despistado e co seu acento igual de estudado que sempre, puxo a pinga de bo humor que o público agradeceu. Para empezar, comparou o rostro dos Sereos co dun retrato feito á presa de Fidel Castro. Tamén tivo tempo de preguntarlle a Fabiola García se non é moi nova para ocupar un cargo de tanta responsabilidade na Xunta, e ata retratou o núcleo duro de Barbantia de aristocracia mais que de democracia. Incluso se permitiu, coa súa sorna irreverente pero fácil de encaixar, recomendarlle aos responsables do colectivo cultural a inclusión de máis mulleres e xente nova, e recordoulles que a música popular tamén é merecedora de Sereos.