Outes e a carpintería de Ribeira

La Voz BUZÓN DEL LECTOR

BARBANZA

01 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Puede enviar sus textos a redac.barbanza@lavoz.es

O utes foi e é unha potencia na carpintería de ribeira. Tal e como o acreditan os traballos de Xan García ou os máis recentes de Santiago Llovo, Outes concentrou unha intensísima actividade na construción de barcos de madeira de todo tipo, chegando a ser posiblemente o epicentro da carpintería de ribeira en toda Galicia. Foron ducias os talleres repartidos polas parroquias costeiras do concello, nomeadamente polas de San Cosme e o Freixo, e foron centos as embarcacións feitas polos mestres carpinteiros. A pegada chega até a actualidade pois a construción e reparación de barcos, agora concentrada nunhas poucas pero significativas empresas situada na ribeira do Freixo, sigue a ser a principal actividade industrial de Outes.

Pero a carpintería de ribeira pode e debe ser non so pasado e presente senón tamén futuro. En particular compre promover e difundir o que significou esta actividade na historia, na cultura e na economía local. Foi esta a razón pola que o grupo municipal de Compromiso por Outes, do que son voceiro, presentou no pasado pleno de xuño unha iniciativa para poñer en valor a carpintería de ribeira como elemento clave do noso patrimonio industrial e como un activo sociocultural e turístico de primeira orde. Entre outras cuestións propoñiamos a creación dun centro de interpretación da carpintería de ribeira aproveitando e recuperando algunha das instalacións aínda existentes na nosa costa. Tamén a posta en marcha dun plan de difusión da importancia histórica da carpintería de ribeira no Concello de Outes. En calquera caso, indicabamos que deberían ser os expertos os que orientaran as accións a desenvolver. O voto en contra dos representantes do PP a aquela moción, argumentando que xa fixeran xestións sobre o tema e que as seguían a facer, non debería ser obstáculo para que todos nos tomemos ben en serio a necesidade de facer unha aposta decisiva por este recurso distintivo de Outes. Os fondos europeos do GALP Seo de Fisterra-Ría de Muros e Noia son unha boa oportunidade que non se deberían desaproveitar. Pola parte que nos toca ofrecemos toda a colaboración ao goberno local para botar a andar esta iniciativa de futuro para o noso concello. Manolo González. Portavoz de Compromiso por Outes