As dez pragas do sector do mar

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez CRÓNICA

BARBANZA

01 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha ollada aos xornais das últimas semanas permite constatar un feito indiscutible: o sector marisqueiro está de actualidade, e por nada bo. Parece que os profesionais do mar viviran instalados nunha sorte de maldición bíblica e as dez pragas de Exipto estean a recaer unha detrás da outra sobre eles.

Os prezos non están a acompañar a pesar da proximidade dunhas datas nas que o consumo dos produtos procedentes do mar acostuma dispararse mentres as cotizacións aumentan na mesma medida. Pero iso, sendo un problema grave para os produtores, sobre todo para os que fían boa parte do seu soldo nesta época do ano a unha soa actividade, ten difícil remedio dentro dun sistema no que o que manda é a lei da oferta e a demanda, e esta non ten moi en conta a situación particular de cada un.

O furtivismo é outra das pragas das que non se dá liberado o sector a pesar do aumento da vixilancia e o endurecemento da lei, e para colmo a indignación vai en aumento despois de inspeccións como a que se levou a cabo onte no porto de Aguiño por un problema histórico que ten que ver coa potencia das embarcacións.

Outro dos factores que está a amargarlle o final do ano aos mariscadores, especialmente aos de Noia, é a toxina, que, igual que as ondas do mar, vai e vén cunha rapidez pasmosa. Os produtores noieses acudiron en masa ao pleno en busca de apoio ás súas reivindicacións e vivíronse momentos de tensión cando entre os profesionais comezaron a circular as mensaxes que falaban de que o bivalvo do día anterior fora devolto polos compradores e non sabían se ían a cobrar o xornal. A marea vermella é, agora mesmo, o peor dos castigos divinos que está a padecer o sector, pero tampouco neste caso se pode facer gran cousa para poñerlle remedio.

Podería pensarse, en vista da escasa marxe de manobra tanto da Administración coma dos propios traballadores do mar para acabar con calquera desas pragas que ameazan a súa supervivencia, que de nada vale lamentarse nin reclamar ás autoridades que tomen cartas no asunto. Pero hai aspectos nos que si se pode actuar para mellorar a situación, e nos que é evidente que non se fixeron ben as cousas, xa non só nos últimos anos, senón nas últimas décadas. Unha demanda que se escoita por activa e por pasiva da xente que vive do mar é a necesidade de sanear as rías, de erradicar dunha vez por todas as verteduras de augas residuais, e parece que non hai demasiada vontade de facelo. A metade dos concellos, nada menos, carecen dunha norma que castigue as emanacións contaminantes, e tampouco debería estrañar tanto cando é a propia Administración a que as provoca ao non acometer redes de sumidoiros axeitadas.