Na lembranza dos movementos libertarios

XERARDO AGRAFOXO

BARBANZA

25 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Este libro publicouno Memoria Libertaria, o grupo de Memoria Histórica da CNT que naceu para reivindicar a lembranza dos milleiros de homes e mulleres que na Galiza participaron nas iniciativas rebeldes do movemento libertario. Para tal motivo contou coa Sociedade Histórica e Cultural Coluna Sanfíns, unha asociación xurdida en Lousame que toma o nome dos mineiros que foron asasinados ou sufriron unha dura represión despois do triunfo do golpe de estado do 36 en Galicia.

O libro comeza coa orixe e estrutura social das minas de San Finx, relata despois o nacemento do Sindicato Mineiro e de Profesións Varias de Lousame, logo explica os grandes conflitos laborais sucedidos no ano 1935, relata o golpe militar fascista e a resistencia mineira, así como o nacemento da Coluna Sanfíns. Finalmente, fai mención á represión que sufriron aquelas persoas que intentaron parar o golpe de estado.

Breve historia da Coluna Sanfíns conta cun epígrafe onde aparecen os homes e mulleres vinculados coa loita obreira nas explotacións mineiras de Lousame.

Os autores da obra son Lorena Cuevas Buján e Eliseo Fernández Fernández, un recoñecido estudoso do tema da CNT nas nosa terras.

«Breve historia da Coluna Sanfíns»

Lorena Cuevas e Eliseo Fernández

Grupo de Memoria Histórica da CNT Galiza (2016)

117 páxinas.