«É a cidadanía quen sitúa o idioma no lugar en que quere situalo»

ALBERTO GARCÍA

BARBANZA

Opina que as Administracións teñen que favorecer o uso do galego

25 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Esta portada, ocupada asiduamente polos imprescindibles creadores/as, dedícaselle hoxe de novo a outro dos perfís importantes no ecosistema cultural, o do xestor cultural.

-Traballas fundamentalmente na normalización da lingua. Por que segue a ser necesario este traballo en Galicia? Non somos aínda un país normal?

-Hoxe en día unha adolescente da Coruña non ten doado elixir usar o galego no seu grupo de amigos e amigas, pois a presión social é moita. Aos nenos de Vigo cústalles, pois, en moitos casos, non teñen a competencia suficiente como para falalo con seguridade e fluidez. Un señor de Boiro, aínda que fale a diario galego, é posible que chegue a un xulgado ou ao centro médico e cambie de idioma. Unha moza de Ribeira vai ter que usar o castelán si ou si para facer a declaración da renda ou o seguro do coche. E así podemos poñer miles de exemplos. Mentres todo iso aconteza, non podemos dicir que somos un país normal, non.

-Como inflúen os gobernos, as políticas públicas, na normalización da lingua? Que papel ten a sociedade, a cidadanía alén das institucións?

-A normalización lingüística é un proceso social que debe ser asumido pola cidadanía, pero as Administracións públicas teñen a obriga e a responsabilidade de promover e apoiar ese proceso. A dona da lingua é a xente. É a cidadanía quen sitúa o idioma no lugar en que quere situalo. E son, por suposto, as persoas as que elixen que lingua usar, e cando usala. E nesa decisión, consciente ou non consciente, inflúen múltiples factores sociais, de prestixio, prexuízos, de competencia, etc. Polo tanto, para que a xente poida escoller galego en calquera ámbito, teñen que darse as circunstancias que permitan poder usalo con comodidade e, por múltiples factores, esas circunstancias non se dan. Por iso é necesario traballar na posta en valor do galego, no incremento do seu uso e prestixio. E aí é onde a Administración Pública ten responsabilidade, en crear espazos, situacións e circunstancias favorables para que a xente poida escoller usar o galego. En todos os exemplos que citaba na pregunta anterior, a Administración Pública debe intervir, creando as condicións axeitadas para que nelas a xente poida escoller libremente usar o galego.

-Alén do teu traballo en normalización, fostes tamén director de Culturgal. Como ves a situación xeral da cultura galega na actualidade?

-Véxoa coa vitalidade propia dos tempos de crises sociais, económicas e políticas. Con estruturas debilitadas administrativamente e cunha creatividade inmensa. Co menor apoio e as maiores trabas institucionais da democracia recente, pero cos mellores discos e bandas, cos mellores libros e escritoras/es, co mellor cinema, cos mellores proxectos creativos, cos colectivos máis vitais... Cómpre aproveitar todo ese inmenso potencial, e tamén cómpre que o país o vexa, o valore e o goce.

-Como ves a saúde doutro axente importante no sistema cultural, as chamadas industrias culturais galegas?

-Esa quizais sexa hoxe en día a pata máis débil de todas. Estamos nun momento creativo moi positivo, pero cunhas estruturas moi debilitadas. Debilitadas pola situación social, económica e política, e polas trabas e a falta dun apoio institucional forte.

-E o papel da cidadanía? Que opinas do repunte último da cultura cidadá, da participación e o activismo pero tamén da cultura autoxestionada, a cultura dos comúns e outras dinámicas que se revitalizaron a partir do 15M.

-É un repuntamento positivo, que en boa medida nace por necesidade, pero positivo, que cómpre aproveitar. Na maioría das ocasións, a maior intervención administrativa, menos protagonismo cidadán, e viceversa, e cómpre atopar o equilibrio. Ao público non se pode nunca renunciar, pois é de todas e de todos, pero o privado, popular ou autoxestionado tamén ten moitas vantaxes que teñen que ver coa liberdade ou a non dependencia, por exemplo.

-Como se deberan equilibrar o papel da Administración, do sector privado e dos movementos cívicos ou comunais nas políticas culturais ou lingüísticas?

-Eu creo na política, e, por suposto, na política lingüística e cultural tamén. As Administracións, como ferramentas de xestión do común que son, teñen que intervir socialmente para mellorar a sociedade. Esa é, e debe ser, a súa función. Agora ben, nesa intervención é moi importante o deixar facer, o non titorizar o que outros fan, o non querer aproveitar o que xa de por si se fai no ámbito privado ou nos movementos sociais. Ese traballo cívico ou privado débese apoiar, pero non apropiarse del, e a Administración ten que desenvolver o papel de planificar, organizar e intervir onde sexa necesario, pero non onde non o sexa.

ILUSTRACIÓN ABRALDES