Caducos e nostálxicos

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

25 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Operigosísimos populismos que gañaron en Estados Unidos con Donald Trump ou que no Reino Unido propician o brexit teñen un importante elemento en común: a nostalxia por un pasado inexistente. Ese era o eslogan de Trump: «Fagamos grande a América de novo», e frases similares empregou a UKIP e outros no Reino Unido, aludindo a un suposto pasado feliz e incontaminado, antes dos sucesivos «males» que foron azoutando as grandes nacións e levándoas á decadencia.

Trátase dun razoamento, digámolo claramente, estúpido. Sabémolo desde os filósofos gregos. Tentar aplicar un modelo público ou unhas políticas exitosas do pasado no presente é de paspáns, porque as cousas cambian. Moitas das iniciativas para tentar parar a caída poboacional do Barbanza e de toda Galicia parten da consideración das vilas e concellos de finais do XIX e principios do XX; queremos que o noso mundo volva ser como era na nosa memoria. Pero Galicia xa cambiou de maneira tan radical que nin nos atrevemos a definir o cambio.

A única maneira de parar esta sangría está en ser consciente de que o modelo social e económico que deu lugar ao noso modo de vida (pequenas aldeas, viliñas con servizos) responde a outra sociedade, a outro tempo e a outra economía, e que as políticas actuais deben, máis ben, partir da nosa nova realidade de mobilidade, xestión urbana e comercial. Para evitar a catástrofe demográfica temos que mirar con valentía a realidades aínda por inventar. O propio Barbanza -que nunca existiu como realidade administrativa- pode ser unha delas.