Reiteración alarmante

María Xesús Blanco ACASOS

BARBANZA

25 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

É frecuente escoitar que, na actualidade, non existe discriminación entre homes e mulleres. Que é absurdo falar destas cuestións nunha sociedade como a nosa. E que iso da violencia de xénero é cousa de persoas trastornadas. Porque a lei, insisten, é igual para todos. E unha pregúntase perplexa como se pode alimentar esta opinión tan baleira, e tan danosa ao mesmo tempo, vendo o que acontece ao noso redor. Pensen, por exemplo, nesta ducia de titulares de prensa, publicados en diferentes medios, durante o mes de novembro: A igualdade de xénero non vén nos libros de texto. A publicidade sexista alenta as agresións a mulleres. Liberdade para os implicados na violación reiterada dunha nena. A lei de violencia de xénero penará as vodas forzosas e a mutilación. O 80 % das vítimas da trata de persoas son mulleres. Novembro de loito contra a violencia machista. Unha muller de 56 anos é asasinada pola súa parella. 157 menores con ordes de protección por violencia machista. Asasinada unha xornalista polo seu ex marido. Sae un novo vídeo da violación múltiple en Pamplona. Os colexios alertan do aumento do machismo entre os adolescentes. Tres mil galegas con protección oficial por violencia machista.

Todos eles reflicten unha reiteración alarmante. Que o xerme sexista está aínda moi asentado na nosa cultura e que non se está a facer o necesario para evitar o sufrimento atroz de tantas mulleres, nin o abatemento de familiares, amigos, e da sociedade en xeral. Por iso urxe actuar dende todos os ámbitos. Por que non atallaremos a desigualdade nin esta violencia vergonzante se non loitamos con todos os medios necesarios dende as nosas casas, dende a escola, dende os medios de comunicación, dende os gobernos e as institucións.

Por que no Día Internacional contra a violencia de xénero nos custa comprender que evitar tanta dor non é, dun xeito inescusable, algo prioritario?