A Agrelo, dez anos despois

Rodrigo Molinos BUZÓN DEL LECTOR

BARBANZA

23 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

F ai dez anos que nos deixaches; sen avisar que te ías; co que iso doe, Pepe, co que iso doe. Xa che perdoaron algúns, eu aínda non podo. Deixáchesnos orfos cando máis nos facías falta; rexurdiches de novo o teatro en Esteiro e da túa man creaches a ilusión en todos nós. Maldito aquel día 22 de novembro.

Escríboche esta misiva publicamente para darche conta do que facemos, esteas alá onde esteas. O grupo O Xeito segue co teu teatro. Xa estreamos algunha obra, como non Noite de lobos; e aquela rubia que sempre sorría e tiña, segundo ela, medo escénico, agora tamén actúa. Temos escenario no local da Esteirana, de madeira, como ti querías, pois o cemento é moi frío. Xa actuamos alí, xunto con un grupo de Abelleira e os novos e vellos de Tras da Costa. O teatro volta, Pepe.

Na Alamenda xuntámonos, ao carón do teu busto, cada 17 de maio, día das Letras Galegas, lembrándoche con flores e cantigas: Nós faremos de Galicia, unha patria liberada pra nacer e para morrer, pra falar a nosa fala pra vivir con dignidade, sin ser escravos de nada.

Seguimos sementando o que ti nos deixaches, ese amor a nosa patria. Preto está o ano no que o día das Letras Galegas sexa teu, compañeiro Pepe. Mándoche estas liñas dende o mar, onde agora navego, pero xa queda pouco para volver a nosa terra e dedicarme, xunto co grupo O Xeito, compañeiros e compañeiras, para seguir o camiño que ti nos ensinaches, querido mestre, o teatro.

Dálle unha aperta ao meu pai, que de seguro andará contigo tomando algunha cunca de ribeiro. Dez anos sen ti, que levas no corazón unha estrela que brilla e no bico un cantar. Remato, mandándoche un bico, e outro de Solita; bueno, perdoa que xa sei que ela o fai tódolos días. No mar, novembro, 2016. Rodrigo Molinos. Muros

Envíe sus textos a redac.barbanza@lavoz.es