Peaxes

Estevo Silva Piñeiro SOSPECHOSO HABITUAL

BARBANZA

21 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Imaxina, agora que chegou o inverno, que acodes a un restaurante a comer un bo cocido. Cando ves a bandexa enriba da mesa descobres con abraio que en lugar de grelos leva espinacas, en vez de chourizo ten salchichón e en lugar de fabas leva peladillas de Nadal. Dirás que iso non é un cocido nin é nada, e terás toda a razón do mundo, pero cando vas a pagar resulta que a conta é a dun cocido de primeira. Ben, pois algo semellante acontece coa AP-9, esa polémica autopista que vertebra as tres grandes cidades de Galicia.

A día de hoxe, para facer o percorrido enteiro dende Vigo ata A Coruña atopas obras, como mínimo, en dous puntos especialmente complicados como son o paso por Compostela -agora mesmo é practicamente zona bélica- e a entrada a Vigo pola ponte de Rande ata un bo anaco máis. Supostamente, estas obras son polo noso ben, e nada terán que ver coa escandalosa prórroga que se lle concedeu á concesionaria ata o 2048, e carrexan severos atrancos aos que traballamos na estrada, pero non se lles pasou pola cabeza facer una rebaixa nas peaxes namentres duren, non vaian perder cartos.

O presidente Feijoo -que hai uns días invocaba a galeguidade de todos nós fronte ás nosas diferenzas ideolóxicas- semella que non ten entre as súas prioridades conseguir que teñamos unhas vías de comunicación gratuítas e razoables entre as nosas grandes cidades, e é unha mágoa pois na miña opinión esta autoestrada debería ser xa do pobo galego e non un instrumento de espolio máis para os nosos petos. Despois a xente bota as mans á cabeza cando se fala de nacionalizar empresas privadas.