Exitosa aposta polo cultivo ecolóxico

j. m. sande MUROS / LA VOZ

BARBANZA

SANDE

A asociación Os Hórreos leva recuperadas catorce fincas privadas que eran improdutivas

27 oct 2016 . Actualizado a las 11:59 h.

A Deputación Provincial de A Coruña recoñecía recentemente o labor que realiza a asociación de mulleres rurais Os Hórreos a prol da posta en valor dos recursos e da economía tradicional que promove esta entidade, a fronte da cal está a veciña de Abelleira Rocío Sande Noya. Esta asociación leva preto de dez anos promovendo e colaborando en actividades e accións colectivas encamiñadas a resaltar as potencialidades económicas e sociais do colectivo feminino do mundo rural.

O grupo Os Hórreos está integrado na actualidade por 75 membros, e aínda que a sede está fixada na localidade de Abelleira, no termo municipal de Muros, o seu ámbito de actuación é autonómico, motivo polo que varias das socias desta agrupación pertencen a diversos concellos de Galicia. A entidade forma parte da Federación de Asociaciones de Mujeres Rurales (Fademur), e nútrese da colaboración asistencial, técnica e económica desta entidade estatal, así como de outras de carácter público. En concreto, son as deputacións provinciais as que veñen sufragando a maior parte dos investimentos que realizan este tipo de entidades.

A dirixente de Os Hórreos é Rocío Sande Noya, quen en todo momento rexeita converterse en protagonista de acción algunha dentro do colectivo de mulleres rurais, xa que afirma que a entidade realiza tódolos seus actos de forma colexiada e participativa. Resalta como accións preferentes das que se promoven dente a asociación que preside, a realización de cursiños formativos e de ocupación do ocio. Dentro deles subliña os relativos á sanidade e á asistencia social, os de informática, os de carácter gastronómico e os de índole lúdica e recreativa, entre outros.

Proxecto recoñecido

O proxecto que mereceu o recoñecemento da entidade provincial coruñesa consiste na recuperación de fincas de labor, na actualidade sen actividade algunha, totalmente improdutivas e cubertas de maleza, e promover nelas cultivos ecolóxicos. O colectivo Os Hórreos solicitou aos propietarios destas terras a posibilidade de cultivalas e atopou, na maioría dos casos, unha total colaboración e axuda para levar a cabo o proxecto. «Agora dispoñemos dunhas catorce parcelas privadas na Abelleira, nas que cultivamos especies vexetais de tempada con métodos tradicionais, exentos de fertilizantes artificiais e insecticidas», precisa Rocío Sande.

A máxima responsable desta asociación lembra os pasos dados antes de principiar esta fructífera actividade, dicindo: «Tivemos que conseguir un tractor e outra maquinaria, logo solicitar a Fademur que nos fixese un estudo sobre as posibilidades de cultivo de variedades de horta nestas parcelas e, de seguido, iniciar a roza e preparación das terras, abonado con métodos tradicionais. Por último, procedemos á plantación de varias especies. Os resultados foron excelentes en tódolos casos, e entre os produtos mellores destacan os grelos, a coliflor, o brócoli, as cebolas e os allos, e moi especialmente os chícharos».

Máis demanda

Rocío Sande afirma que é rendible o cultivo de produtos ecolóxicos na nosa terra: «Cada vez hai máis demanda deles. Cando estiven en Alemaña sorprendíame que moita xente os prefería e aquí non se valoraban, pero a tendencia actual é de aceptación preferente para moitas persoas polos alimentos tratados de forma ecolóxica. Nós compatibilizamos o cultivo de produtos ecolóxicos con outros traballos, pero entendo que é perfectamente viable e rendible o vivir do cultivo de especies agrícolas tratadas de forma tradicional e exentas de produtos artificiais».

A presidenta de Os Hórreos tamén fai mención a un factor decisivo na rendibilidade desta actividade ao comentar, «na recente feira de produtos ecolóxicos da Coruña, tivemos unha chea de contactos con cadeas de produción e distribución de alimentos, que nos garantiron a compra de toda a produción. Tamén varios locais de hostalería contactaron con nós demandando unha produción moi superior da que temos. É por iso que estou convencida de que esta actividade pode ser unha saída laboral de éxito para quen, de forma programada, se dediquen aos cultivos ecolóxicos». Agora só fai falla que a demanda do mercado continúe subindo.

Integrantes. A entidade Os Hórreos está composta por 75 persoas que residen en municipios de toda Galicia.

Traxectoria. O grupo iniciou a súa andaina hai agora dez anos e ten a súa sede social en Abelleira, en Muros. Un dos seus obxectivos é resaltar as potencialidades do colectivo feminino.