Sardiñada

Domingo Regueira

BARBANZA

01 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Na praia os asadores van xuntado madeira para facer brasas e armar os mostradores de reparto.

O pobo está chamado á gran sardiñada onde se encherán de peixe en salmoira abrasado á grella, en prato de plástico cun cacho de boroa para recoller a morca. Nun vasiño, a purrela branca, purrela tinta e arreluada, e unhas toalliñas perfumadas en Taiwán para quitar o cheiro dos trinches cavernarios.

Teñen tamén empanada de aserrín con carne de polo, de porco e outras talladas de ignota descrición, cun rustrido de cebola, tomate e especias aromáticas que lle dan olor, sabor e color ao aglomerado.

Algúns turistas sábenas todas. Mentres o home mira o xornal a ver onde hai degustacións, a muller rastrea co móbil as coordenadas das bombas que anuncian a sopa boba das enchentes do litoral. Aínda que sexan de orella ou churrasco sen etiqueta. Son xente que confía na nosa farturenta hospitalidade.

En vez de chamarlle degustación de peixe e marisco da ría, o que parece é todo o contrario: coma se os nativos intuísen días de escaseo e fame para que os turistas de terra a dentro aburran estas especies e deixen de demandalas nas súas dietas: Calan e non protestan. «Así se intoxiquen».

Armadores de cerco, mariscadores, percebeiros e xeiteiros deberían demandar os que fan estas degustacións tan cutres que desprestixian os seus produtos: sardiñas resecas, percebes raquíticos e ameixas xapónicas enchen de brodio os improvisados mostradores da excelente cociña arousá.

Nas casas, as avoas amasan empanadas, biscoitos, e centrifugan a maionesa para celebrar coa familia as festas patronais. O Carme, a Santa Bárbara, o Rosario, o Corazón de Xesús, e así ata corenta santos máis. E para as amas de casa, estas festas veñen sendo tan alegres como as de Nadal. Celébrano máis cando acaban que cando empezan.

Pola tardiña, megáfonos chamando a xente. Tómbolas, barquiñas, trileiros, nubes de azucre e olor de garapiñadas adozan o espírito parroquial dos leais súbditos que corren a coller sitio nos inchables, cochiños, norias e montañas rusas.

Coma parrulos, os nenos seguen os pais dun lado para outro. Quéreno todo. Non hai carto que chegue.

Televisións, xornais, radios, internets móbiles e verbenas removen as nosas neuronas, sen apenas decatarnos de que se nos vai a vida sen saber a que diaños viñemos a este mundo.

Nacemos idiotas e morremos idiotas. Traballar, contaminar, ir nos coches eléctricos e morrer.