Un paisaxista da Galicia verde e azul

La Voz

BARBANZA

01 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Paco Casal, cálida voz e discurso fluído, bonhomía e talento, nace no Ferrol nunha familia de artistas. E faise pintor por vía parental, pois seus tíos, José Vázquez Doce, Cheroco, e Rafael Castro Estévez, pintores, lévano da man nos seus primeiros pasos como artista. Isto supón que o seu oficio de pintor estea mediatizado e dirixido dende os inicios con habelencia e proximidade.

Á parte do Ferrol, hai dous lugares no mundo que o marcaron duradeiramente. Un é Brión, «ese pobo-xardín onde me sento arroupado, como persoa e como artista». Alí viven seu primo Vázquez Castro e seu amigo e mestre Vizoso, e alí manda, democraticamente, o seu alcalde José Luis, eterno no cargo, ocupado e preocupado pola cultura, que practica con xenerosidade e altura de miras, o que converte a Brión nun referente cultural.

O outro lugar definitivo do trespés é Aguiño, onde chega en 1987, pero pasando profesionalmente por Andalucía, País Vasco e Madrid. E faino -inda que non o sabía-, para quedarse. Porque o frechazo é instantáneo: «Desde aquel sofá da casa, que fora asento dun Sinca 1000, descubrín unha Galicia sentimental e aberta, a terra e o mar, os seus límites. E descubrinme. Aquí atopei as miñas raizames persoais e artísticas». Sóalles de algo este regreso ás orixes da nosa mesmedade?

Comeza polo divertimento

Comeza a pintar en 1985, como mero divertimento e aprendizaxe. No 2010 dedícase plenamente á pintura, xa como «arte alimenticia», que diría Luis Buñuel, unha vez que a crise se fai sentir. E a súa querenza é simplemente a paisaxe. Un paisaxista da Galicia verde e azul (terra e mar, interior e Atlántico), lendaria e supersticiosa, ficticia e imaxinada, talvez só visitable para a fantasía cordial dos seus habitantes.

Paco Casal interpreta diversos procedementos, medios e técnicas. E faino con inaudita asiduidade e tesón. Como exemplo, vállanos que, en tres anos, dende xuño de 2013 a agosto de 2016, realiza 41 actos como artista: 11 exposicións individuais, 8 exposicións colectivas, 4 encontros de pintores, 1 Feira de Arte, 11 certames de pintura, 3 colaboracións con Museos e Concellos e 3 comisariados de exposicións, ao longo e largo de Galicia.