Un intelectual da Pobra

PASTOR RODRÍGUEZ

BARBANZA

01 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Se hai un intelectual pouco coñecido no Barbanza ese é o xesuíta Primitivo Mariño Gómez, nado na Pobra do Caramiñal en 1934. Investigador de Filosofía Política e Dereito Internacional, ensaísta e tradutor, especialista en pensamento político. Destaca a súa tese doutoral sobre Oríxenes de Alexandría e a súa obra Contra Celso, da que se publicou un resumo en 1974.

Autor de traducións de clásicos do dereito, cómpre citar as que fixo de Colloquium heptaplomeres co título Coloquio de los siete sabios sobre arcanos relativos a cuestiones íntimas (1999), de Jean Bodin, e, Del derecho de presa. Del derecho de la guerra y de la paz (1987), de Hugo Grocio.

Con Enrique Tierno Galván editou a tradución dos Escritos políticos (1985) de Leibniz, e só da súa autoría son as edicións e traducións de La monarquía del Mesías (1989), de Tomás Campanella, a Obra selecta, de William Ockham, e La política metódicamente concebida con ejemplos sagrados y profanos (1990), de Juan Altusio, sen esquecer La monarquía hispánica (1982), de Campanella.

Primitivo Mariño faleceu en Vigo en 1994, deixando case rematada a edición crítica das obras de Bodino e Fisch, ademais de estar a traballar nunha edición do pensamento de Solórzano.