Homenaxe aos fuxidos tralo golpe de 1936

j. m. sande

BARBANZA

. < / span>sande

Un ciclo de charlas e proxeccións lembrará ás persoas que trataron de atopar refuxio no Olimpo Celta

29 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Sábado • Confraría do Pindo (Carnota) • 10.00 horas • No ano 1936, logo do golpe de estado, milleiros de veciños de toda a bisbarra escalaron as ladeiras do monte Pindo na procura de refuxio. Boa parte deles atoparon a morte no Olimpo Celta. Baixo o título A memoria dos fuxidos, o sábado desenvolverase na confraría da localidade carnotá un simposio que pretende renderlle homenaxe a todas aquelas persoas.

Trátase dun ciclo de conferencias que acada a súa quinta edición pero que, nesta ocasión, terá por vez primeira carácter monográfico. Os promotores, a asociación Monte Pindo, explican que o obxectivo é «lembrar a tantas persoas que deron a súa vida pola liberdade».

O simposio contén un extenso programa de actividades que pretende debullar o contexto sociopolítico da época, así coma os acontecementos concretos vividos nos municipios de Carnota e Muros.

As actividades

A presentación das xornadas correrá a cargo de Merche Díaz Mayán, secretaria da confraría do Pindo e directiva da asociación Monte Pindo Parque Natural. Xusto despois, os asistentes poderán ver A mariñeira de Quilmas, un filme dirixido por Antón Dobao, que á súa vez inspirou un relato do escritor Darío Xohán Cabana. Os dous achegaranse ao pósito para participar nun coloquio.

Ao redor das 12.30 horas collerá o relevo o historiador Eliseo Fernández, cunha charla titulada Evasións por mar na Guerra Civil. Falará das múltiples fuxidas que se produciron a través das costas galegas.

Xa pola tarde será Luis Lamela, investigador e historiador, o que disertará sobre A sublevación militar franquista e os escapados do monte Pindo, relativa ás persoas que recorreron ao macizo para refuxiarse da barbarie. Os seus estudos sobre o tema levárono a publicar, baixo o selo de Xerais, o libro Escapado. Do monte Pindo ao exilio pasando pola illa de San Simón.

Moncho Ermida, que ven de publicar Mortos por amor á terra, un volume dedicado á represión do galeguismo no 36, collerá a palabra pouco antes das seis da tarde. A clausura da quinta edición do simposio correrá a cargo de Carme Armendariz, concelleira de Memoria Histórica de Carnota.

Xantar fraternal

A asociación Monte Pindo programou para o mesmo sábado un xantar fraternal, que permitirá aos participantes no ciclo de charlas coller forzas. Terá lugar no restaurante A Morada. Os interesados en participar teñen que inscribirse previamente en info@montepindo.org ou chamando ao 655 564 372.