Nin uns tan parvos, nin os outros tan listos

BARBANZA

28 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Despois das eleccións do pasado domingo, e sobre todo unha vez que o escrutinio chegou ao cen por cen e se confirmou unha nova e rotunda maioría absoluta do PP á fronte do goberno autonómico, produciuse un aluvión tal de insultos e desprezos contra os galegos nas redes sociais ?algo, dende logo, bastante pouco democrático? que a situación é como mínimo vergoñenta. O peor é que moitos deses tuits ofensivos, porque eu non me considero nin unha paleta nin unha ignorante nin menos lista que os de Madrid ?onde, por certo, tamén goberna o PP?, síntome ofendida, aínda que proveñen de outros galegos, que polo que se ve están en posesión da razón absoluta. E o colmo é xa que ese tipo de expresións proveñan de representantes políticos.

Algúns, en vez que parapetarse detrás dos tópicos e da máxima de que en Galicia o único que hai é un fato de ignorantes e anciáns, igual podían tamén facer algo de autocrítica. É certo que a mensaxe de que viña o lobo e máis vale o malo coñecido calla na xente con facilidade, pero quizais outros non tiveron a habilidade de facer chegar o seu propio mensaxe ou de mobilizar ao electorado. Critícase moito aos que volveron darlle a súa confianza ao Partido Popular, pero fálase moito menos dos que quedaron na casa. Eles, igual que os que depositaron a súa papeleta, fora do partido que fora, na urna teñen tamén responsabilidade na nova configuración do Parlamento galego.

Un pode estar máis ou menos de acordo cos designios da maioría, pero hai que respectalos porque así están as regras do xogo. Igual que hai que respectar ás persoas, sen esquecer onde estamos, quen somos e de onde vimos. Os galegos temos a nosa propia idiosincrasia, para ben e para mal, e iso non nos converte en peores que ninguén. Porque, estes días, escoitando a algúns, calquera diría que merecemos a morte.

E por certo, se no resto do Estado foran tan listos, a estas alturas non estariamos sen goberno en Madrid dende hai practicamente un ano e baixo a ameaza de novas eleccións.