A mala praxe política

José Rodríguez Cabeza DESDE FÓRA

BARBANZA

27 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Penso que un dos mellores alcaldes que tivo Ribeira, despois de Miguel Rodríguez Bautista, que incuestionablemente hai que considerar como o pai do que hoxe en día representa este municipio na bisbarra, foi José Luis Torres Colomer que, pisando forte coma se dos zapatóns de Don Manuel se tratara, arrepañou tódolos cartos que quixo para investimentos de todo tipo para os ribeirenses en detrimento dos demais concellos da bisbarra, froito da súa ascendencia dentro do PP no que ninguén lle rechistaba, Fraga incluído. Posto isto de manifesto, analicemos algo que forma parte da mala praxe política. Trátase do pouco tino co que as estruturas dos partidos políticos teñen cando reparten poder. Vexamos.

Leo neste xornal que Torres é presidente da comisión de Agricultura e Pesca do Senado. Pois ben, para tratar temas pesqueiros non teño ningunha dúbida dos seus coñecementos e capacidade, pero non así para os agropecuarios. É máis, dubido moito de que José Luis se introducira, sequera fose someramente, no eido rural da Galicia profunda, un sector que cada vez está amosando máis ser estratéxico e ter potencialidades para estruturar non só a economía rural senón tamén unha nova sociedade, apetecible, necesaria e sostible, como estou comprobando nestes momentos analizando e razoando con uns e con outros polas terras da miña mocidade.

Para esta tarefa coido que está moito máis preparado Carlos López Crespo, non tanto por ter sido alcalde de Outes durante vinte anos senón por ser natural de Coirós, e que acaba de saír deputado, a pesares de ir de número once.