Conservas reserva do 2013

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

23 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

As estatísticas demostran que os municipios con conserveiras son, ademais, os principais consumidores de conservas de peixe mesmo a nivel estatal. O asunto dá conta de que, ademais dunha industria, nas nosas comarcas o que hai é unha cultura da conserva, que temos interiorizada como unha parte máis da nosa alimentación e que, sobre todo, confiamos na súa calidade para alimentar ás nosas familias.

Se moitas veces entrar a unha fábrica de alimentos procesados pode a un cambiarlle as súas preferencias alimentarias, eu convidaría a que a xente visitara unha das fábricas de conservas da nosa costa e apreciara a delicadeza e artesanía coa que se envasan, moitas veces, os produtos. Dá confianza. A xente das nosas vilas é consciente do que hai e por iso consume conservas.

Sen embargo, esa cultura nosa tan valiosa é, ao mesmo tempo, ben conservadora. En consonancia con outros produtos, coma o queixo, que se é galego parece que se ten que comer nada máis acabado de facer, non damos ás veces o tempo abondo á lata para que se faga, para que colla todas as propiedades dese aceite e do prebe. Porque unha conserva ten que facerse con tempo.

Un dos principais críticos gastronómicos a nivel español, José Carlos Capel, sempre afirma que en Galicia non aproveitamos o principal valor das nosas latas: o tempo e as anadas. Eu teño comprobado que unha lata de tres anos pode ser unha delicia. Así que xa saben, deixen un par de boas latas no fondo da despensa. E xa verán como chulean dentro dun par de Nadais.