«Queríamos adaptar a Pedestre de Noia a tódolos tipos de corredores»

ana moas / á. s.

BARBANZA

m. creo

Un circuíto chan, unha distancia intermedia apropiada e premios, son os puntos fortes desta carreira

31 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Luis Sanmartín, presidente do Club Atletismo Noia, achega recomendacións acerca de como se ha de preparar unha carreira pedestre coma a desta vila. Un encontro que chega á súa vixésima edición e no que participaron atletas de nivel mundial como Iván Raña, Gómez Noya ou Manuela Machado.

-Un circuíto renovado, ¿cal é o fundamento real desta muda?

-Queríamos adaptar a Pedestre de Noia a tódolos tipos de corredores. Ultimamente aumentou moito o número de persoas afeccionadas ao running nesta zona, polo que buscamos que a xente que non estea tan preparada poida completar a carreira.

-Acerca dos cambios realizados, ¿que é o máis destacable?

-O que fixemos foi suavizalo facéndoo case completamente chan. Excepto unha das rúas que completan o circuíto, que conta con algo de pendente, as demais son chairas. Son nove quilómetros, unha distancia intermedia, polo que esa adaptación da que falaba conséguese co recorrido.

-¿Como debería ser a preparación de alguén que se presenta a este encontro?

-Antes de nada debemos ser conscientes das limitacións de cada un. En base ao nivel ou ás capacidades físicas que se teñan, precísase máis ou menos tempo. En calquera caso, para un afeccionado o ideal é dedicarlle un ano con carreira continua, ximnasio e o máis importante e estirar moi ben. Cada persoa ha de crear as súas propias rutinas.

-Adestrarse o día anterior, ¿é bo?

-O que se faga un ou dous días antes ten que ser moi lixeiro, senón soe ter un efecto contrario, prexudicando ao atleta. Pode facer que se chegue máis cansado e, con tan pouco tempo de antelación, non se vai notar unha melloría na carreira.

-En canto á alimentación do corredor, ¿que comidas son recomendables para o día da proba?

-O que se di sempre de tomar pasta ou arroz é certo. Son bos pratos polos hidratos de carbono, pero as ensaladas son moito máis importantes na alimentación dun deportista. A hidratación tamén é fundamental, aínda que ha de virse facendo dende tempo atrás, o corpo precisa acostumarse, non xusto antes do encontro.

-¿Que vantaxes ten a carreira pedestre de Noia sobre outras?

-Como xa dixen anteriormente é cómoda porque é chaira, ten unha distancia intermedia que se adapta a todos os niveis e é preferida polos corredores mellor que un recorrido pequeno. Os premios tanto en metálico como en trofeos son interesantes.