Paula López: «Nos últimos anos descenden moito os cancros das glándulas salivares»

JOEL GÓMEZ SANTIAGO / LA VOZ

BARBANZA

raquel cacabelos< / span>

A odontóloga defende que os hospitais promovan consultas da especialidade para doentes ingresados

30 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

«Un 3 % dos tumores que afectan á cabeza e ao pescozo están situados nas glándulas salivares, e a incidencia na área sanitaria de Santiago é de 0,75 casos por cada 100.000 habitantes ao ano. Esa foi a media entre o 2000 e o 2012, o período que estudei» conclúe Paula López, titulada en Odontoloxía pola USC e con experiencia profesional privada e en centros de saúde -ten praza no de Cee-, na tese de doutoramento que defendeu este ano.

-¿Como é a incidencia destes tumores na área sanitaria?

-Neses 13 anos, os servizos de Cirurxía Maxilofacial e de Otorrinolaringoloxía do CHUS trataron 51 casos. Nos últimos anos descenden moito os cancros das glándulas salivares: do 2000 a 2006 era un caso por cada 100.000 habitantes ao ano; e nos seguintes, até o 2012, baixou a 0,42, menos da metade. Non se saben ben as causas diso; nin os factores de risco destes tumores, que parecen ter relación coas radiacións ionizantes e con fumar. Ao ser unha patoloxía pouco investigada decidimos facer este estudo, epidemiolóxico, para mellorar o seu coñecemento.

-¿A quen afectan máis estes tumores?

-A idade media de aparición destes tumores é arredor da quinta década da vida e non hai diferenzas entre sexos. A localización preferente é a glándula parótide, que é a máis grande das tres glándulas salivares maiores. Ten unha característica especial, porque existen máis de 20 tipos diferentes de tumores malignos nas glándulas salivares; isto fai o seu estudo máis complicado, porque a súa frecuencia é moi baixa, e teñen un comportamento diferente.

-¿Que características viron na área de Santiago?

-Comprobamos que nun 45% das persoas afectadas repite o tumor, reaparece ao cabo de poucos anos. A supervivencia a 5 anos foi do 61,8 %, e do 51,3% aos 10 anos. Cando o tumor está estendido, por metástase, a outras partes do organismo, sobreviven só o 16,7% aos 5 anos. O risco de morte é de 3,8 veces superior se hai metástase.

-¿É fácil de detectar na consulta de odontoloxía?

-Si, e o odontólogo ten un papel importante no diagnóstico precoz destes tumores.

-¿Que é o máis preocupante?

-Os tumores con menor supervivencia son os que afectan ás glándulas máis pequenas, que moitas veces non se notan; cando a tumoración se fai evidente para o doente, moitas veces xa é demasiado tarde.

-¿Como é o tratamento?

-O máis habitual é a cirurxía, por veces con quimioterapia e radioterapia. Depende da extensión da lesión.

-¿Como valora a experiencia de exercer a odontoloxía privada e no sistema público?

-Na sanidade pública hai poucos especialistas de Odontoloxía; temos moita demanda, e traballaríamos máis se houbese maior cobertura de saúde bucodental. A privada permite exercer moitas partes da especialidade que non se desenvolven aínda no sistema público.

-¿E nos hospitais?

-Tamén debería haber consultas odontolóxicas, para atender persoas que non se poden tratar ambulatoriamente, e para asistir doentes oncolóxicos e outros que pasan moito tempo ingresados e que o precisan. Por exemplo, antes da radioterapia ou da quimioterapia é bo facer unha revisión da saúde oral, e sería máis simple se houbese consulta de odontólogo no hospital.