«Galicia, o bo camiño»

José Rodríguez Cabeza DESDE FÓRA

BARBANZA

30 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Non é certa, e polo tanto falsa de toda falsidade, o contido de toda esa tópica publicidade institucional que baixo un quimérico slogan xenérico de Galicia, o bo camiño vén pagando a Xunta e algunha deputación, facendo unha exaltación dos nosos sabores agro alimentarios. De feito, se aquí houbese un panel de catas, como xa hai en outras rexións para os seus produtos máis senlleiros, ningún dos que se relacionan nesa propaganda, agás os peixes e mariscos (de momento), pasarían os mínimos controis de calidade e os organolépticos daqueles tempos en que a vitela sabía a vitela, os grelos a grelos e o carneiro a carneiro.

Agora ben, dentro dunha posición ortodoxa, pode argumentarse que iso é unha decisión que só atangue á libre competitividade dos produtores, o que os poderes públicos deben respectar como un axioma, non é menos certo que os gobernantes dispoñen das ferramentas para corrixir aquelas tendencias que se afasten do que é inadecuado para a cidadanía en xeral e/ou prexudicial para estruturar un gran proxecto común.

Hai certo consenso de que Galicia ten un bo potencial turístico pero que o estival está limitado pola climatoloxía, polo que o turismo gastronómico é unha alternativa, o que xustificaría a publicidade, pero para iso precisamos competir naquilo que sexamos invencibles, que o temos e o somos, o que pasa por incitar un gran pacto pola recuperación no que antano eramos xenuínos e que se está deteriorando a magnis itineribus e malpocadamente. Os que cremos nesta terra sabemos que a taxa de retorno sobrepasará, con moito, o seu custo.