«A lei de acuicultura convertía o mar en parcelas privativas»

Antón parada RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Parada

O secretario xeral dos galeguistas apostou polo diálogo e o pacto para a solución de problemas urxentes

30 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Xusto antes de que a mirada de Xoán Bascuas (Rüsselsheim, 1970) -candidato ás eleccións autonómicas da Xunta pola formación política Compromiso por Galicia (CxG)- se pousase sobre o micrófono de RadioVoz Barbanza acababa de facer o mesmo cos ollos dun descoñecido na rúa, ao que preguntou que precisaba a comarca realmente. Mochila ao lombo e camiñando, así se desenvolve a campaña deste partido sen representación no pazo do Hórreo, pero que se achega á poboación de forma directa.

-Na comarca a alcaldía de Muros recae en María Xosé Alfonso, da súa formación, ¿como valora o seu mandato ata agora?

-Se un goberno se caracteriza por ser unha ferramenta ao servizo da cidadanía, o de Muros é un claro exemplo, porque o fai en solitario con tres concelleiros, nunha corporación onde o resto actúa como oposición. Se ata hai pouco máis dun ano a corporación municipal se caracterizaba pola rixidez, pola incapacidade do diálogo e a contundencia da negación a moitas das demandas do veciños, agora acontece todo o contrario. O Concello de Muros só se pode gobernar con diálogo.

-¿E Barbanza terá presenza na lista pola provincia de A Coruña?

-Efectivamente. Eu son do concello de A Baña, os tres seguintes postos correspóndense con Ferrol, Coruña e Santiago. Despois, onde hai unha maior presenza de CxG en Barbanza, Muros e Outes, están recollidos na lista.

-Esta entrevista leva aparellada preguntas comúns a todos os candidatos sobre asuntos que afectan á comarca. Falemos sobre os pasados incendios forestais.

O abandono das explotacións gandeiras conduce a que as terras de pasto se vaian convertendo en monte, ao mesmo tempo que temos unhas brigadas privatizadas. É necesario deseñar unha ordenación do territorio -tal e como fan no País Vasco ou na provincia de Ávila onde hai monte e non arde- e aplicar esas directrices. Facer que o persoal das brigadas teña unha actividade continuada, dotar de maiores medios para evitalos e non só para apagalos, incentivar e mancomunar a limpeza do monte.

-¿Cal é a posición de CxG na crise do sector lácteo?

-Estamos vendo como o prezo do leite está nos 26 e os 27 céntimos por litro, pero tamén vemos como multinacionais como Lactalis están pagando 15 céntimos. Hai que fixar un prezo mínimo, como para a luz ou a auga, e de aí que poida flutuar en función da oferta e demanda que teña o mercado. Creo que todo isto tería sido evitable se as sucesivas oportunidades que houbo para crear un grupo lácteo galego se tiveran materializado.

-¿E en canto ás cotas do cerco?

-Se eu son presidente da Xunta e me din que teño 1,14 toneladas para repartir entre 137 barcos, é que me vou a Madrid e comezo a repartir labazadas. Estou a falar da anchoa, pero xa pasou co xurelo e coa xarda. Un presidente dun goberno ten que representar ao seu país antes que ao seu partido en Madrid.

-¿Existe unha solución para o saneamento da ría de Noia?

-A empresa máis grande de Noia foi empregada partidariamente dende o propio inicio do problema. O volume de investimento necesario para o seu saneamento ten que ter participación dos recursos do Estado e da Unión Europea.

-¿Hai alternativa ao anteproxecto de lei de acuicultura?

-A lei de acuicultura convertía o mar en parcelas privativas. Temos que utilizar o sentido común á hora de decidir onde, como e cando se pode explotar. Chegou o momento de asumir a responsabilidade de poñer ás persoas por diante dos partidos políticos.

-Se alcanzasen unha serie de escanos no parlamento galego, ¿poderían apoiar unha proposta de goberno distinta á súa?

-Compromiso non só vai ser garantía de cambio de goberno se está na nosa man, senón que ademais vai aportar sentido común. Para garantir a gobernabilidade non fai falla pasar a formar parte dun goberno. Pero a xente que aposta por un cambio político pode ter a tranquilidade de depositar o seu voto en CxG.

-¿E a gobernabilidade do PP?

-Non. Penso que niso fun bastante claro e contundente.