«Nunca tomo decisións por min mesma sen antes escoitar aos demais»

J. m. Sande MUROS / CORRESPONSAL

BARBANZA

SANDE

A nova rexedora recoñece que soñara con suceder á persoa que admira, Carlos López Crespo, á fronte da alcaldía

28 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Outes conta por primeira vez con unha muller á fronte da corporación municipal, Beatriz Molinos Vidal, ao ser elixida como alcaldesa no pleno celebrado o pasado xoves, despois de renunciar ao cargo de rexedor local Carlos López Crespo, por formar parte da candidatura do Partido Popular ao Parlamento de Galicia. Curtida na empresa privada, en labores de xestión e tamén na súa condición de arquitecta técnica, regresou á súa vila natal de A Serra o pasado ano, para iniciarse na actividade política, ante o ofrecemento que lle fixo a formación política da na que milita, para ocupar o segundo posto na papeleta do PP das eleccións locais. Dende a constitución da corporación viña ocupando a primeira tenencia da alcaldía, e a partires desta semana, asume a máxima representación municipal.

-Como acada o cargo de alcaldesa de Outes?

-A renuncia de Carlos López Crespo colleume por sorpresa. Non entraba no meu maxín que se producira agora esta situación, pero si tiña soñado que algún día podería suceder á persoa que admiro, a quen foi meu mestre, tanto na escola como na vida política. Chegada esta situación, espero estar a altura do cargo e non defraudar aos que me propuxeron, pero especialmente aos nosos veciños de Outes. Por dedicación e traballo non vai a quedar. Son consciente do reto que supón suceder a López Crespo e farei todo o posible por continuar o seu traballo na procura de benestar para tódolos outienses.

-Como afronta esta nova etapa na xestión municipal de Outes?

-Pese ao pouco tempo que levo en política, isto non é novo para min. Participei na elaboración do programa electoral co que concorremos aos último comicios municipais. Estiven día a día ao lado de Crespo ao longo dos últimos quince meses. Cheguei a coñecer a situación real do concello e de tódolos seus veciños. Tamén sei das nosas limitacións e das posibilidades, e tentarei ir mellorando as nosas deficiencias. O grupo de goberno mantense invariable, con xente moi capaz e comprometida e, para min, que sempre me gustou traballar en equipo, iso será unha gran axuda nesta tarefa.

-Que ve de positivo e negativo no labor dun alcalde?

-Hai algo que compensa tódolos inconvenientes do cargo, que é a posibilidade de axudar a resolver os problemas que se lle presenten aos nosos veciños, e especialmente aos que están máis necesitados. Dende a alcaldía tense a posibilidade de escoitar a aqueles veciños que o precisan e de mediar na resolución das súas inquedanzas. Esa é para min a maior satisfacción que pode ter este cargo. En canto os inconvenientes, hei de recoñecer a miña discrepancia coa idea que moitas persoas teñen da acción política, pero, en contra do que se di, non somos todos iguais e, aínda respectando as discrepancias, gústame debater as ideas e posicionamentos diferentes.

-Cal considera que é a súa maior virtude para afrontar con éxito a acción do goberno municipal?

-Son una persoa aberta e dialogante. Gústame traballar en equipo. Nunca tomo decisións por min mesma sen antes escoitar aos demais. Quero coñecer o sentir e as necesidades dos demais e logo, dentro do posible, poñerlle remedio.

-Entón con vostede terano doado os grupos da oposición?

-A oposición ten que exercer como tal. Debe ser crítica e fiscalizadora coa acción do goberno, pero espero que tamén antepoña os intereses dos outienses a posturas partidistas. Si fose así, terán en min unha persoa tolerante, comprensiva e sempre colaboracionista.

-Cales son para a nova alcaldesa de Outes as súas prioridades na xestión municipal?

-Preocúpame moito a desigualdade social, a carencia de oportunidades, a falta de traballo especialmente dos mozos, e os temas relacionados coa vellez e a súa atención. Sinto tamén que as xentes do rural non poidan acceder a tódolos servizos públicos e que ás veces se sentan illadas. Por iso pretendo reforzar a actividade nos centros sociais que temos nas parroquias, e colaborar con tódalas iniciativas que xurdan dos veciños.

-Como pensa potenciar os principias eixos produtivos do municipio como son o turismo, o marisqueo ou a empresa privada?

-O noso municipio vén sendo pioneiro na innovación, no eido emprendedor, e tamén na asunción de riscos empresarias. Quero transmitirlle á nosa xente que poden confiar no goberno local tanto no asesoramento e apoio, coma na resolución de tódolos asuntos relacionados coa empresa que dependan das Administracións. Aínda non dispoñemos de solo empresarial, pero será unha tarefa prioritaria para nós conseguilo. Tamén me ofrezo para atender calquera iniciativa que supoña beneficio para os veciños.

-Tendo en conta que o seu antecesor estivo á fronte do Concello 27 anos, vostede será unha alcaldesa de tránsito ou espera manterse no cargo por moito tempo?

-Só o tempo e os veciños decidirá o futuro da composición do goberno de Outes. Pola miña banda farei canto estea nas miñas mans para gobernar moito tempo. Para iso brindo esta oportunidade para, dende xa, dicirlle a tódolos cidadáns de Outes que a alcaldía estará sempre aberta para eles, que nela sempre se lles atenderá, e, dentro do posible, se lles axudará a resolver os seus problemas. Eu seguirei sendo a de sempre, unha persoa do pobo, que lle gusta dialogar e chegar a acordos.

-A chegada dunha muller á alcaldía modificará as políticas dedicadas ao sector feminino?

-Xa temos un completo servizo de atención á muller, pero sempre se pode facer máis. Intentarei incrementar os recursos para avanzar máis e rematar coas lacras derivadas de situacións machistas, para que deixen de ser un problema no noso concello.