Comida difícil

Juan Ordóñez Buela AL FINAL DEL TÚNEL

BARBANZA

26 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Todos nos vimos nalgunha ocasión na dúbida de como comer un determinado alimento. Por exemplo, non é o mesmo xantar unhas gambas cuns amigos no bar da esquina que facelo nun restaurante de merecida reputación. A diferenza é clara. Coa xente de confianza, podemos tomalas como nos apeteza, ata pelalas cos dedos se non nos importa que nos quede impregnado ese cheiro característico. Nunha ocasión formal, non temos máis remedio que empregar o cuberto do peixe ou, na súa falta, o coitelo e garfo que teñamos a man. Por iso, imos tratar de aclarar algúns detalles de determinados produtos habituais das nosas mesas.

O consomé sácase servido nunha cunca de dúas asas, co seu propio prato. Para tomalo, úsase a culler de tamaño mediano, que pode substituírse por outras de sobremesa. Ao final pode beberse directamente do recipiente.

Se unha sopa está quente, non a removeremos nin sopraremos sobre ela para que arrefríe. Tomarémola coa culler partindo do borde exterior do prato cara o centro. Non a sorberemos e evitaremos facer ruído ao tomala.

Para os crustáceos, hai unhas tenazas especiais para partirlle a casca. Unha vez abertos, usaremos unha culleriña ou garfo pequeno. A lagosta acostuma saír á mesa partida en dúas metades, cuxa carne se come co cuberto do peixe.

O peixe tómase co seu cuberto ou, en caso de que non haxa, cun garfo axudado dunha faragulla de pan. Se se introduce unha espiña nos dentes, o que é moi frecuente, debemos sacala o máis disimuladamente posible e depositala no lado do prato.